Retegal instalará en Vilaño unha antena que reforce a cobertura da banda larga de internet

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaLocal
A-
A+

A Xunta de Galicia, a través da sociedade pública Redes de Telecomunicación Galegas, S.A. (Retegal), solicitou ao Concello da Laracha a preceptiva licenza de obra para instalar unha antena no coto de A Viña (parroquia de Vilaño) coa que se mellorará a cobertura de banda larga en varias zonas do municipio, especialmente no casco urbano da Laracha e os vales do Anllóns e Acheiro. O proxecto foi presentado tras alcanzarse recentemente un acordo entre o Concello da Laracha e Retegal co propietario do terreo no que será situada a infraestrutura.

Pola seu emprazamento, a colocación da antena posibilitará mellorar o sinal especialmente no casco urbano da Laracha, así como nos vales dos ríos Anllóns e Acheiro. En concreto, a actuación afectará a núcleos de poboación das parroquias de Torás, Vilaño, Golmar, Cabovilaño e Lendo.

Por iniciativa do goberno local, e ao tratarse dunha obra promovida por unha administración pública para a implantación dun servizo de interese comunitario, proporase á Corporación aplicar unha bonificación no imposto sobre instalacións, construcións e obras (ICIO) do 75%, tal e como permite a ordenanza fiscal municipal. Este asunto xa foi tratado hoxe pola Comisión Informativa de Facenda e Especial de Contas e será elevado ao Pleno ordinario que se celebrará o mércores da próxima semana, día 31 de xullo.

A redacción no ano 2009 do Plan Director para o Desenvolvemento da Sociedade da Información permitiu definir a situación do Concello da Laracha con respecto ás telecomunicacións e as actuacións que sería preciso realizar para dar resposta tanto ás necesidades existentes como ás que puideran xurdir nun futuro a curto e medio prazo, establecendo os lugares idóneos para situar as antenas, redes eléctricas e demais instalacións precisas para a ampliación e o bo funcionamento das diferentes redes. Precisamente, unha das actuacións contempladas no documento é a que se desenvolverá agora en Vilaño.

O proxecto será financiado con fondos do Plan de Banda Larga promovido pola Xunta de Galicia, por medio do cal xa se instalara en febreiro de 2012 outra antena no Monte do Vilar coa que se deu cobertura a unha trintena de núcleos de poboación das parroquias de Coiro, Erboedo, Soandres, Golmar, Soutullo e Lestón.

Estas actuacións, resultado das xestións realizadas polo goberno municipal cos responsables da Xunta de Galicia, suporán un importante avance na prestación e cobertura deste servizo na capital municipal así como en varios núcleos de poboación rural, aínda que de certa entidade.

Unha importante característica da xestión municipal que está a desenvolver o Concello da Laracha durante os últimos anos é tratar de ofrecer os mesmos servizos á poboación rural que á urbana, coas dificultades que iso supón nun municipio que conta con máis de trescentos núcleos. Ademais da cobertura en banda larga de internet, isto pode comprobarse nas constantes mellores a ampliacións nas redes de saneamento e abastecemento de auga, así como no esforzo por levar os servizos de recollida selectiva de lixo a cada vez máis núcleos rurais.

23 de xullo de 2013 | 19:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.