Remata na Laracha o campionato municipal de fútbol-7

Primeiros clasificados
A decimosexta edición do campionato municipal de fútbol-7 da categoría xuvenil que organiza o Concello da Laracha puxo o punto e final o pasado venres coa disputa dos catro encontros que determinaron a clasificación definitiva dos oito equipos participantes.
Na gran final Deportivo venceu con claridade (3-0) a Sporting, mostrando a súa superioridade ao longo de todo o torneo, no que gañou todos os encontros que disputou.
O terceiro posto foi para Husvarna tras derrotar contundentemente (11-1) a Equipo A.
O cadro final do torneo complétano Oppan (5º), Duff (6º), Cillobre (7º) e Cervecería M3 (8º).
Cabe lembrar que a primeira fase consistiu nunha liguilla con dous grupos de catro equipos cada un, de cuxa clasificación dependeron os emparellamentos da fase final do torneo.
A concelleira de deportes, Patricia Bello, foi a encargada de entregar os trofeos nas instalacións do campo municipal da Porta Santa de Paiosaco, lugar no que se desenvolveu todo o campionato.











