Ptv Handstar e El Bunga proclámanse campións galegos de balonmán praia
Ptv Handstar, na categoría masculina, e El Bunga, na feminina, proclamáronse en Nigrán campións galegos de balonmán praia. Foron dous días de balonmán praia en Panxón, xa que o día 24 de xullo tivo lugar o Torneo de Nigrán no que os gañadores lograron a clasificación para a fase final, mentres que ao día seguinte celebrouse a final. Así, o mércores Tapería Abordaxe (masculino) e Caselas (feminino) gañaron o Torneo de Nigrán e desta forma lograron a clasificación para a fase final que se disputaba ao día seguinte. Así, se formaron uns grupos moi igualados e fortes e proba diso foi que moitos dos partidos tiveron que decidirse nos shoot-out (lanzamentos de penaltis). Semifinais e final. Finalmente, lograron a clasificación para as semifinais na categoría feminina os equipos El Bunga, AC Kaló, Las Merengue Merengue e Waterfuckers. E a verdade foi que neste caso non houbo sorpresas, xa que lograron o pase para a final os grandes favoritos: El Bunga e Las Merengue Merengue. Neste último choque, El Bunga (campión galego do ano 2012) foi bastante superior e logrou o título gañando os dous períodos con certa facilidade (4-11 e 9-11).
Na masculina saltou a sorpresa, ao quedar fóra das semifinais o campión do 2012, Painkillers, mentres que lograron a clasificación Sin Semilla, Tapería Abordaxe, Ptv Handstar e Limpiezas Arcoiris.
Despois, nas semifinais, máis vitorias inesperadas. O Ptv Handstar, un equipo moi xoven, eliminou ao duro conxunto de Cerillo, o Limpieza Arco Iris, e despois na final tamén superou a Sin Semilla, nunha espectacular final que se decidiu nos shoot-out (6-4). O Handstar perdeu o primeiro parcial nun apertado 15-16 e gañou o segundo 20-9.
Desta forma, no Campionato de España de Balonmán Praia, que se celebrará en Almería os días 3 e 4 de agosto, Galicia estará representada por Ptv Handstar e Las Merengue Merengue (pola renuncia de El Bunga). Ademais, AC Kalo disputará o campionato de España xuvenil feminino, que terá lugar en Lloret de Mar os días 10 e 11 de agosto.











