Promoción Económica estuda levar a cabo unha feira de artesanía e comercio nocturna no Temple

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambreLocal
A-
A+

A Concellaría de Promoción Económica, que dirixe a popular Marta Vázquez, estuda a posibilidade de levar a cabo unha feira de artesanía e comercio nocturna a finais deste mes no Paseo Marítimo do Temple.

A concelleira recorda que anunciara realizar un mercado na mesma zona no mes de setembro, pero ante a solicitude de asinada por decenas de empresarios do municipio para levar a cabo un mercado como o que se propón nestas datas, cree que é posible levalo a cabo a final de mes, sempre que conte co visto e prace e a participación dos comerciantes. “Se que temos o tempo xusto por iso están facendo un grande esforzo tanto o persoal de ADL coma o de Contratación para que esta feira poida ser unha realidade a finais deste mes tal e como o pediron moitos empresarios”, sentenza Vázquez.

Mañá xoves enviaranse os convites por carta aos comerciantes e artesáns de todo o municipio para saber cantos están interesados en participar na feira. O mércores 17 de xullo finalizará o prazo para que os comerciantes comuniquen na Axencia de Desenvolvemento Local ADL a súa intención de participar na feira.

Segundo Vázquez, trátase de dinamizar o tecido comercial e empresarial de Cambre nunha das zonas de Cambre con maior presenza deste tipo de negocios.

A idea é presentar unha feira nocturna nun horario que podería situarse entre as 19.00 e as 00.00 horas coa intención de que os comerciantes non teñan que abandonar o seu local para estar presentes na feira e poidan compaxinar ambas as dúas cousas. Así mesmo, recorda que se configurou un presuposto pechado polo seu departamento co fin de sufragar os custos das casetas dos comerciantes e a subministración eléctrica.

“Creo que é fundamental levar a cabo este tipo de iniciativas para axudar aos nosos comerciantes e unha feira situada no noso Paseo Marítimo é un escaparate magnífico. Dende aquí gustaríame animar todos os comerciantes e artesáns do municipio a expoñer os seus produtos nesta feira tan novidosa”, apuntou a concelleira.

10 de xullo de 2013 | 18:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.