Pontevedra activa un plan de prevención ante as elevadas temperaturas dos vindeiros días

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalPontevedra
A-
A+

O Concello de Pontevedra ten activado un plan de prevención ante as elevadas temperaturas previstas para os vindeiros días. Pontevedra atópase en alerta amarela por temperaturas que poden chegar aos 36 graos, segundo Meteogalicia.

Ante esta situación, o Concello fai un chamamento a toda a poboación para que extreme as precaucións nestes días, especialmente entre os grupos de máis risco, nenos e persoas maiores. Pola súa banda, Benestar Social Municipal deu as pertinentes ordes para atender os sectores máis desfavorecidos ou que precisan de maior axuda.

A Policía Local en coordinación coa Concellaría de Benestar Social Municipal informará a todas as persoas que pernoctan na rúa que poden
dirixirxe ao albergue Calor y Café onde poderán tomar bebidas frescas ou refrescarse cunha ducha.

Benestar Social tamén deu ordes ás empresas encargadas de prestar os servizos de axuda no fogar e teleasistencia á que informen a todos os
usuarios das medidas de prevención ante esta situación.

Con carácter xeral, o Concello lembra as recomendacións para levar o mellor posible estas altas temperaturas:

• Evitar saír á rúa, ao longo do día, se se pertence aos grupos vulnerables de poboación como maiores e nenos.

• Beber líquidos frescos, especialmente auga e zumes; e evitar líquidos quentes, alcol, estimulantes o moi azucaradas.

• Evitar comidas copiosas, optando por froitas e verduras.

• Empregar roupa folgada, con tecidos naturais. Cubrir a cabeza, empregar cremas solares protectoras e calzado cómodo e transpirable.

• Na vivenda empregar as estancias máis ventiladas e frescas, pechando as ventanas no día, e abríndoas para ventilar na noite.

Non descartar darse duchas de auga fresca ou morna para tratar de levar o calor.

• Evitar a rúa nas horas de máis calor, así como a actividade física.

No coche non deixar nenos, nin persoas maiores, nin mascotas. Tampouco se recomenda acudir á praia nas horas de máis calor.

• O Concello solicita a colaboración directa da cidadanía en xeral para que estean atentos para poder dar a voz de alarma naquelas situacións nas que se comproben riscos, como no caso de persoas maiores que vivan soas, enfermos…

5 de xullo de 2013 | 17:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.