Ponte Caldelas restablece a subministración de auga no centro da vila tras reparar a averia na rede principal de abastecemento

Tarefas de reparación
Os operarios municipais conseguiron restablecer a subministración de auga ao centro de Ponte Caldelas en media mañá reparando a avaría, unha hora e media antes do inicialmente previsto polos técnicos, poñendo así remedio a unha fuga na canalización principal.
Dende primeira hora da mañá unha brigada de operarios do Concello de Ponte Caldelas procederon a abrir unha gabia na confluencia das rúas González Besada e México onde se procedeu a acometer os traballos precisos para corrixir unha importante fuga na canalización principal de abastecemento á vila.
A necesidade de resolver o problema canto antes e provocar os menores transtornos posibles a establecementos comerciais, veciños e visitantes fixo que os operarios municipais se empregasen a fondo, acompañados polo Tenente de Alcalde e Concelleiro de Obras, Francisco Regueira.
A gravidade da avaría e a urxencia da intervención obrigou o alcalde, asesorado polos técnicos municipais, a tomar a decisión de proceder ao corte total da subministración xa que mesmo a pasada noite a fuga de auga na canalización afectada provocara unha pequena inundación dun garaxe dunha das rúas do centro de Ponte Caldelas.
Unha ver resolto o problema, os operarios municipais procederon a restablecer o servizo, pasadas as 12 do mediodía, aínda que proseguiron cos seus traballos de acondicionamento da zona e comprobación da operatividade completa da traída municipal.
O Alcalde Perfecto Rodríguez agradeceu a comprensión de veciños e propietarios dos comercios afectados por este corte, pero a urxencia e gravidade da avaría producida impedía atallala doutro xeito. Rodríguez pediu desculpas polas posibles molestias ocasionadas e felicitou os operarios municipais polo seu dilixente traballo. “Se non se tivese reparado agora podería terse provocado unha avaría moito máis grave que levaría consigo maior dificultade e tempo para a súa reparación”.
“A rede municipal de augas de Ponte Caldelas demostrou nos últimos tempos a súa eficiencia e operatividade polo que esta avaría agora detectada e emendada é tan só un incidente puntual que esperemos que non volva repetirse, manifestou Perfecto Rodríguez.











