Ponte Caldelas permitira o uso gratuito do pavillón de deportes en xullo e agosto
O Concello de Ponte Caldelas decidiu permitir o uso gratuíto do pavillón de deportes durante os meses de xullo e agosto, ao tempo que distribuíu unha folla informativa en parroquias e lugares habituais co fin de difundir as normas de uso e funcionamento así como as taxas de reserva por utilización desta infraestrutura deportiva, que rexerán a partir do mes de setembro e das que estarán exentos clubs e centros educativos do municipio.
A intención do Concello de Ponte Caldelas é fomentar, de xeito ordenado, o uso do novo pavillón de deportes por todas aquelas persoas do municipio que practican habitualmente algún deporte e que poidan gozar directamente destas novas instalacións
TARIFAS REDUCIDAS E ECONÓMICAS
A partir de setembro rexerán unhas tarifas para a práctica de deportes individuais de tan só 3 euros, en horario diúrno, e 6, en nocturno, cun tempo total de uso de 90 minutos. En canto a deportes de equipo, o prezo será de 10 euros, diúrno, e de 20 na franxa nocturna.
Os clubs e centros escolares quedarán exentos de calquera pagamento e terán un uso gratuíto do pavillón. As instalacións deberán ser solicitadas cun mínimo de dous días de antelación a través da web do Concello www.Pontecaldelas.org ou o teléfono 699 31 07 34.
As solicitudes vía web deberán esperar confirmación por correo electrónico. A persoa que figure como responsable deberá deixar o seu DNI ao encargado da instalación, que llo devolverá ao finalizar o seu uso. En inverno terá un horario de uso de 9:30 h. a 14 h. e de 16 a 22 horas, en diversas franxas horarias de uso. En verán, funcionará, tamén dende as 9:30 horas, pero a súa apertura prolongarase ata as 23:30 horas.
RECENTE INAUGURACIÓN
O pavillón de Ponte Cadelas, tras case tres décadas de uso, foi rehabilitado e a súa inauguración o pasado 22 de xuño, estivo presidida polo secretario xeral para ou Deporte da Xunta, José Ramón Lete Lasa, a deputada provincial Ana Isabel Vázquez e o alcalde Perfecto Rodríguez.
O investimento realizado nestas novas instalacións superan o millón de euros, dos cales 902.551 foron achegados pola Xunta e os 102.000 restantes pola Deputación. Estas obras permitiron que Ponte Caldelas conte cun pavillón de deseño moderno e funcional, cunha atractiva cuberta en forma de arco.
Así mesmo, a presenza de grandes ventanais permite unha iluminación a través de luz natural o que contribúe ao aforro enerxético, xunto cos paneis solares instalados. O pavillón dispón dunha pista de PVC de última xeración e unha bancada con capacidade para 250 persoas, así como novas canastras, portarías, bancos, rede de tenis, asentos para a bancada, marcador electrónico, equipo de megafonía e mobiliario para uns amplos e cómodos vestiarios, como percheiros e bancos.
Ademais, aproveitouse a remodelación para mellorar o ámbito do pavillón e facilitar unha maior accesibilidade para persoas con minusvalidez ou dificultades de mobilidade.











