Ponte Caldelas comeza unha campaña de concienciación cidadá para a mellora de recollida selectiva

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalPonte Caldelas
A-
A+
Presentación da campaña

Presentación da campaña

O Concello de Ponte Caldelas inicia unha campaña de sensibilización social co fin de concienciar a cidadanía da necesidade de aumentar e mellorar a recollida selectiva en todas os lugares do municipio. Unha necesidade que se detectou non só en Ponte Caldelas se non en toda Galicia, tal e como quedou patente nas recentes xornadas ambientais organizadas pola Deputación de Pontevedra e nas que participou o conselleiro do sector, Agustín Hernández, quen botou datos sobre a materia que animan a emprender esta iniciativa.

Así mesmo, un recente estudo realizado pola empresa concesionaria do servizo de lixos (Urbaser) detecta que, nos últimos catro anos, en Ponte Caldelas descendeu un 20% a recollida de vídrio, un 22% a de envases e un 39% a de papel.

Pola contra, esta diminución de achegas de material debidamente clasificado para a súa reciclaxe provocou unha diminución, na mesma proporción, de aforro por este concepto para as arcas municipais co que o custo do servizo de recollida de lixos no concello de Ponte Caldelas non se beneficiou do desconto por previsto por este concepto, facendo así, o servizo máis deficitario dende o punto de vista económico.

Malia iso, o Concello de Ponte Caldelas mantén conxelado dende hai máis de dous anos o importe do recibo que se lle cobra aos cidadáns, sendo este un dos máis baratos dos municipios do seu ámbito e o servizo de lixos un dos que máis frecuencias de recollidas realiza tanto na vila coma no rural Pontecaldelano (en Ponte Caldelas recóllense todos os días da semana, incluído domingos e no rural, tres veces á semana con especial atención en caso de celebración de festas locais).

DIMINUCIÓN DA RECOLLIDA SELECTIVA

O estudo realizado por Urbaser confirma que mentres que en 2009 se recollían nos iglús uns 85.000 quilos de vidro, o pasado ano só foron depositados nestes colectores 68.420 quilos de vidro, o que supón un descenso do 20%.

En canto a envases, no ano 2009 depositábanse 40.600 quilos mentres que durante o pasado exercicio só se recolleron nos colectores instalados en todo o municipio 31.680 quilos, é dicir, un 22% menos.

Finalmente, en canto a quilos de papel, en 2009 recolléronse nos contendores 44.740 quilos, mentres que no ano 2012 só 27.290 quilos, é dicir, un preocupante 39% menos. Aínda que neste capítulo hai que facer referencia a que a crise provocou a aparición de persoas que se dedican á recollida de cartón nestes colectores e tamén a que a baixada de vendas fixo que o sector comercial, principal usuario destes depósitos, achegue menos residuos do que era habitual.

Outro dato que o estudo achega é que mentres que durante o ano 2012 en Galicia se produciron unha media de 13,16 quilos por habitante de residuos sólidos urbanos, no municipio de Ponte Caldelas a media alcanzada foi do 11,92 quilos por habitante.

Aínda así, e a pesar da crise, a recollida total de residuos sólidos urbanos ten pasado de 2.024.950 quilos en 2009 a 1.956.640 en 2012, é dicir, un 3,3% menos o que desvela que o total de desperdicios que se botan ao lixo está en cifras similares á media nacional (un descenso do 4% que os expertos achacan ao menor consumo pola crise) pero que a súa incorrecta separación nos colectores habilitados para iso fai que non se produza o aforro económico esperado para as arcas municipais xa que non se extraen axeitadamente materiais valorizables que diminuirían o custo do servizo.

Estes datos obrigaron o Concello de Ponte Caldelas a accionar unha campaña de concienciación cidadá sobre a importancia que ten separar axeitadamente os nosos residuos co fin de que se utilicen axeitadamente os recipientes instalados en todos os lugares e rúas do municipio para evitar que se xeren residuos impropios que, lonxe de achegar beneficio á comunidade, supoñen unha penalización para o Concello.

Ao mesmo tempo, esta campaña súmase ao compromiso adquirido hai uns anos polo Concello de Ponte Caldelas por converterse en municipio de referencia en canto á sostibilidade e respecto polo medio, como o acredita a implicación da Festa dá Troita na defensa do ecosistema e na extensión de prácticas biosaludables para a poboación.

PANEIS INFORMATIVOS, DÍPTICOS E CÓDIGOS QR PARA UNHA MELLOR INFORMACION AO CIDADÁN

Así, o Concello incluirá nesta campaña de información cidadá unha serie de paneis explicativos en cada unha das illas de reciclaxe instaladas en zonas rurais e urbanas para explicar como se debe facer unha axeitada recollida selectiva dos nosos residuos. Ao mesmo tempo, repartiranse dípticos divulgativos nos centros escolares e establecementos comerciais de todo o municipio e levaranse a cabo campañas de reparto de publicidade a domicilio co fin de toda a poboación tome conciencia da importancia ambiental e económica que supón para o Concello de Ponte Caldelas a recollida selectiva.

Tamén se procederá á instalación de distintivos co Código QR nos puntos de recollida selectiva co fin de que o cidadán poida descargarse no seu smartphone, tablet ou ordenador a información necesaria para facer unha recollida selectiva axeitada. Ademais, na páxina web do Concello figurará tamén referencia e profusa información acerca desta campaña e da súa correcta aplicación por parte dos cidadáns.

9 de xullo de 2013 | 13:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.