Ponte Caldelas celebra unha nova edición de “Únete á volta” este domingo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesLocalPonte Caldelas
A-
A+

Un centenar de ciclistas participarán este domingo dunha nova edición de unete á Volta que terá como protagonista ao municipio de Ponte Caldelas. Os participantes concentraranse, ás 12 do mediodía, na Praza de España e percorrerán en grupo aproximadamente uns dez quilómetros arredor da vila do río Verdugo.

Esta iniciativa turístico-deportiva promovida pola Deputación de Pontevedra e o Concello de Ponte Caldelas desenvólvese como cita previa á celebración da saída da Volta a España que, este ano, terá ao porto de Vilanova de Arousa e aos municipios da provincia de Pontevedra como principais protagonistas do seu inicio.

Os participantes nesta edición de unete á Volta sairán da Praza de España para dirixirse pola Avenida de Vigo ao cruzamento coa Avenida de Pontevedra para logo atravesar o centro da vila pola rúa da Ponte ata a nova glorieta de Pazos, de conexión entre a recén remodelada P0-255 e a PO-244. Unha vez nesta estrada avanzarán un quilómetro e medio ata volver desviarse cara ao centro de Ponte Caldelas a través do vello vial do balneario. Seguirán polas marxes do río Verdugo ata chegar de novo á Praza de España e a Alameda de Ponte Caldelas, lugar en que está previsto que finalice a proba.

O Concello quere animar os veciños a participar nesta nova edición desta festa da bicicleta.

Os participantes poderán inscribirse no mesmo lugar de saída da ruta cicloturística e participarán no sorteo de diverso material deportivo e regalos para agradecer a súa asistencia e animalos na práctica deportiva saudable.

19 de xullo de 2013 | 17:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.