Policía Local, Protección Civil e Bombeiros visitaron aos rapaces das “Mañás de xogo”

PUBLICADO EN: Noticias de Galicia ► Local ► Santiago de Compostela ▼
A-
A+
Actividades cos bombeiros

Actividades cos bombeiros

Continua unha semana máis o programa Vive o verán. Nesta xornada de martes, os rapaces das Mañás de xogo do Local Sociocultural de Nemenzo participaron nunhas xornadas especiais dedicadas á seguridade viaria, que lles permitiu coñecer o traballo dos Bombeiros, da Policía Local e de Protección Civil. O concelleiro de Centros Socioculturais, Francisco Noya, uniuse á sesión. Na xornada anterior foron os nenos e nenas do LSC da Gracia os que recibiron esta visita. Efectivos de Policía Local, Bombeiros e Protección Civil amosáronlle aos rapaces dun modo práctico o traballo que desenvolven a diario, e ofrecéronlles pautas básicas de seguridade como peóns ou usuarios de bicicletas e ante emerxencias de lume, auga, etc.

Astronomía, ximnasia e baile

O xoves 26, a partir das 20:00 horas, no Centro Sociocultural de Vite, continúa a actividade Observando o ceo, cun obradoiro práctico titulado “Aprendo a montar o meu telescopio”. Se o tempo o permite, logo haberá unha observación do ceo. A actividade está conducida polo Club Compostelán de Astronomía Vega.

Ademais, o mércores, Ximnasia na Alameda de 10:00 a 11:00 horas, e Baile Funky de 19:30 a 21:00 horas no parque da Constitución. Todas elas son actividades de balde para as que non é preciso inscrición.

23 de xullo de 2013 | 18:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.