Panamá e Xente Nova, grandes bazas musicais de Santa Isabel en San Sadurniño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLocalSan Sadurniño
A-
A+

Todo está preparado para a festa de San Sadurniño. Este luns quedou listo o alumeado e a xente da feira xa tomou posicións para un patrón de dous días que arranca mañá martes xa a primeira hora co pasarrúas da charanga Os Campantes da Baña.

As propostas musicais de Santa Isabel 2013 non quedan na charanga, senón que a comisión buscou tres orquestras coas que ofrecer un espectáculo á altura da ocasión. Así, este martes 2 de xullo -festivo local- a sesión vermú e a primeira parte da noite estarán animadas polo grupo Fania Blanco Show. A partir das 12 da noite tomará o relevo a Orquestra Panamá. A este respecto o Concello quere pedir escusas polo malentendido que se produciu á hora de elaborar a información do último Novas, onde aparecía por erro a orquestra Panorama.

O mércores o apartado musical será cousa da orquestra Xente Nova tanto na función -a partir das 14.00 h.- como na verbena da noite. O Concello de San Sadurniño colabora coa comisión de festas deste ano a través das liñas de axuda previstas para apoiar a organización deste tipo de eventos tanto no núcleo municipal como nas parroquias.

O pregón da festa -que se lerá hoxe ás 20.00 h. na igrexa- correrá por conta do sacerdote Xosé Francisco Delgado, párroco de Ferrol. Despois actuará a rondalla Vila das Pontes. Os actos relixiosos principais co gallo de Santa Isabel están programados para mañá e pasado a partir das 13.00 h.

1 de xullo de 2013 | 19:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.