Painkillers e O Bunga triunfan en no Campionato Galego de Balonmán Praia en Marín
A Praia de Loira, en Marín, foi o escenario o pasado fin de semana da cuarta proba do Campionato Galego de Balonmán Praia, con vitoria para El Bunga en categoría feminina e Painkillers en masculina. Ao grupo sur tan só lle restan dúas probas do galego desta modalidade, a celebrar en Cangas e Nigrán antes da gran final autonómica, que se celebrará no areal de Panxón o próximo 25 de Xullo.
En categoría masculina, Painkillers tivo que camiñar permanentemente no arame para lograr alzarse coa vitoria final. En cuartos de final, desfacíanse de Los Chicos de Santorio por 2 a 0 (12-8, 18-13), pero aí remataríase a súa tranquilidade. A rolda de semifinais librouse cun duro enfrontamento ante Sin Semilla. Os campións cederon o primeiro período 15-12 e tiveron que forzar o lanzamento de penalties no segundo. Na quenda impuxéronse por un axustado 6-4.
Xa na gran final, tocaba baterse o cobre ante Chufisad. Painkillers adxudicouse o primeiro período por 12-8 e a punto estivo de logralo no segundo, que acabou cedendo por 11-10. A rolda de penaltis polo título tivo que decidirse no último suspiro por 6-5.
En rapazas, El Bunga necesitou tamén a rolda de desempate para desfacerse en semifinais de Las Merengue Merengue (15-8, 7-9, 5-4), mentres que na final puido impoñerse con relativa tranquilidade ante Waterfuckers ao apuntarse a vitoria en ambos os dous períodos por 8-4 e 11-6.
O próximo fin de semana, a praia de Loira recibirá os participantes do Trofeo Concello de Marín de Voley Playa, proba que ademais será puntuable para o Campionato Galego.











