Ourense obtén unha rebaixa de 344.000 euros no custe de enerxía eléctrica cunha nova adxudicación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaOurense
A-
A+

O Concello de Ourense obterá unha rebaixa de 344.000 euros nos custes do consumo de enerxía eléctrica a través dunha nova adxudicación do contrato de suministro.

O expediente de contratación aberto pola Sección Municipal de Aforro e Eficiencia enerxética deu un paso adiante na sesión desta mañá da Xunta de Goberno Local, que deu o visto bo á oferta presentada por Gas Natural Comercializadora S.A., que ofertou ao Concello unha rebaixa de 344.000 euros con respecto aos custes previstos no prego de condicións. Así, a Xunta de Goberno Local acordou requerir á empresa a que presente a documentación precisa para proceder á sinatura do contrato.

O contrato supón o suministro de enerxía eléctrica que o Concello precisa para as súas instalacións: edificios municipais, rede de iluminación pública (máis de 20.000 puntos de luz), semáforos e outras infraestruturas titulariedade do Concello: incluíndo os suministros de enerxía eléctrica de baixa e media tensión, en 3 bloques, que suman un total de 707 suministros.

Trátase dun mercado que foi liberalizado no ano 2009. Por este motivo, o Concello, unha vez rematado o contrato que tiña en vigor con FENOSA, convocaba o ano pasado un concurso co obxectivo de aminorar na medida do posible o coste que cada ano supón para as arcas municipais.

O procedemento quedou deserto, xa que só se presentou unha empresa- Unión Fenosa Comercial, S.L.-, e a súa oferta non cumpría un dos puntos estipulados no prego de cláusulas técnicas, xa que ofertaba un prezo superior á base de licitación nun dos bloques.

O Concello inicou entón un novo expediente de contratación, solicitando directamente orzamento ás empresas do sector, convidando a 6 empresas)

Hoxe a Xunta de Goberno Local aprobou, como única oferta presentada, a de Gas Natural Comercializadora S.A, que propón unha rebaixa nas tarifas por un importe total de 344.077,2 euros, o que supón unha minoración do 13,11% do custe do prezo da enerxía definido no prego.

A empresa centra a súa oferta no denominado Bloque 2: consumos de entre 10 e 15 kW e de máis de 15 kW en baixa tensión (é o caso, principalmente, de edificios municipais e alumbrados públicos). Neste caso, sobre os 1.313.328 euros previstos no prego, a empresa oferta este suministro por 1.068.000,99 euros (unha redución de 244.327,1 euros).

Tamén oferta un desconto duns 100.000 euros no prezo de enerxía do denominado Bloque 3, acerca de consumos de media tensión; edificios como os de Bombeiros, Policía Local ou Auditorio. Neste caso, rebaixan dos 423.348,79 euros previstos no prego ata 324.599,11 euros.

Mantense o contrato da tarifa de último recurso, tarifa regulada, para consumos inferiores a 10 kW, a do denominado Lote 1, para o que o prego prevía un custe de 886.342,44 euros, ao non ofertalo a empresa por non poder rebaixar os prezos marcados polo Goberno.

Así, coa nova adxudicación, o aforro para o Concello no prezo do kW de enerxía será dun 13,11% fronte ao previsto no prego, para unha cifra total de 344.000 euros.

11 de xullo de 2013 | 16:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.