Os xogos tradicionais e a concentración motera converten á Alameda de Ponte Caldelas en punto lúdico e turístico

Desfile da concentración motera
A Alameda de Ponte Caldelas converteuse este fin de semana nun auténtico fervedoiro de actividades que tiveron as Xornadas de Xogos Tradicionais e á concentración de motos como principais atractivos que concitaron o interese de veciños e visitantes do municipio.
Así, a xornada do sábado estivo marcada polo encontro interxeracional protagonizado por pais, fillos e avós utilizando como fío condutor unha actividade lúdica programada e dirixida por monitores da Asociación Galega de Xogos Tradicionais e Populares (AGXTP) e da Asociación Cultural O Torreiro de Forzáns.
Na Alameda de Ponte Caldelas vivíronse escenas divertidas onde nenos e maiores compartiron xogos como o da camba, o tirapiedras, A Chave, A Ran, o aro, os zancos, a pesca de botellas con argolas, etc. Nin sequera o alcalde Perfecto Rodríguez puido evitar contaxiarse da animación existente e mesmo participou en varios xogos tradicionais como facer rodar un aro con certa pericia.
Tamén o sábado se iniciou o I Torneo de Malla Concello de Ponte Caldelas a través da disputa entre os 16 equipos participantes de lugares como Chaín, A Insua, Forzáns, Silvoso, Gaxate, Vilán e Caldelas dunha liguilla clasificatoria para determinar que parellas competirían polo primeiro e segundo posto e os que polo terceiro e cuarto, na xornada do domingo, que se xogou polo método de eliminatoria.
Ao final, os equipos da Insua fixeron que se cumprise o prognóstico e coparon o podio. Así, a parella formada por Suso Portela e Manuel Lorenzo lograron o primeiro posto nunha apertada final contra os tamén veciños da Insua Carlos Leiro e Cacha Ferreira. En terceiro lugar quedou o equipo formado por José Manuel Sobral e Manolo Baqueiro, de Chaín, mentres que en cuarta posición quedaron os representantes de Forzans Manuel Núñez e Gonzalo Torres.
PONTE CALDELAS AO RITMO DE POTENTES MOTOS E UN AMBIENTE FESTIVO E COLORISTA
Por outra parte, a xornada do domingo iniciouse pasadas as doce do mediodía coa chegada a Ponte Caldelas de máis de 200 motoristas escoltados por efectivos da Garda Civil, Policía Local de Poio e Protección Civil. Co ruxir das súas máquinas e accionando as súas bucinas chamaron a atención dos veciños e visitantes de Ponte Caldelas que saíron ás beirarrúas a recibir a colorista comitiva. Entre os asistentes tamén estivo o alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, quen deu a benvida aos participantes e felicitou á organización polo comportamento dos membros da expedición moteira.
Seguindo o itinerario da organización, en primeiro lugar os compoñentes da expedición moteira percorreron o centro da vila para logo dirixirse á área recreativa e praia fluvial da Calzada onde tiveron a oportunidade de contemplar unha das paraxes naturais máis belas da provincia e que é lugar habitual de baño de veciños e visitantes xa que dispón de infraestruturas deportivas e recreativas para o desfrute en familia.
A praia fluvial está habilitada para o baño e o resultado da calidade das súas augas, tras a pertinente análise realizada pola Consellería de Sanidade, teñen o cualificativo de “excelente”. De feito, de ser extrapolables os criterios que usa a Unión Europea para conceder as bandeiras azuis farían acredores a esta praia do devandito distintivo de calidade.
Tras un lixeiro descanso na área recreativa da Calzada, os compoñentes da concentración moteira dirixíronse de novo ao centro da vila para estacionar as súas máquinas na Alameda de Ponte Caldelas onde se converteron en obxecto de miradas e desfrute de veciños e visitantes que contemplaron as motos durante máis dunha hora.
UN CAN PASTOR BELGA QUE VIAXABA DE COPILOTO NUNHA DAS MOTOS ESPERTA O INTERESE DO PÚBLICO ASISTENTE
As persoas que acudiron á Alameda puideron considerar todo tipo de motos, estilos, adornos, cascos, complementos e modos de vida expresados a través das súas máquinas. Como anécdota curiosa sinalar que unha das motos participantes estaba adaptada para levar como copiloto a un can, de raza pastor belga, que fixo as dilicias de nenos e maiores que non daban crédito da súa docilidade e adaptación ao vehículo do seu propietario.
Mentres tanto, os compoñentes da expedición moteira gozaron da sombra do magnífico arboredo existente na Alameda así como dun refrixerio servido polos establecementos hostaleiros da localidade.
Arredor das 13:20 horas os compoñentes da expedición subiron nas súas monturas e de xeito ruidosa, pero ordenada, abandonaron Ponte Caldelas para seguir a súa ruta de volta ao municipio de Poio, lugar dende onde partiran.











