Os vilagarciáns reciclan unha media de 10,8 quilos de vidro por cidadá
O esforzo realizado o ano pasado polos vilagarciáns para reciclar vidro traduciuse nunha media de 10,8 quilos por cidadá. Con esta cifra, os vilagarciáns superan aos veciños das dúas principais cidades da provincia, Pontevedra e Vigo, onde a media de reciclado per cápita de vidro situouse nos 9,78 e 9,25 quilos respectivamente. En relación ao volume total, igual que a nivel demográfico, Vilagarcía é a terceira cidade da provincia en reciclaxe de vidro, con 408.380 quilos recollidos no municipio o ano pasado.
Os 408.380 quilos de vidro reciclados polos vilagarciáns en 2012 segundo os datos aportados por Ecovidrio, supoñen un lixeiro descenso respecto ao ano anterior no que se reciclaran 6.350 quilos máis. Neste dato puideron influír factores como o descenso do consumo provocado pola crise e, aínda que de xeito pouco significativo, os 282 veciños que perdeu o padrón municipal no último ano.
Un aspecto a ter en conta á hora de mellorar as taxas de reciclado son os medios dispoñibles para facilitar o depósito do vidro. Neste punto, cómpre indicar que o número de iglús distribuídos polo municipio incrementouse no último ano en 14 unidades, acadando o total de 112 depósitos específicos para a recollida deste material.
Segundo os datos de Ecovidro, isto supón que en Vilagarcía existe un contedor de recollida de vidro por cada 336 habitantes.











