Os veciños de Ordes reciclan máis de 3.500 litros de aceite doméstico usado en 2012
Un total de 3.545 litros de aceite doméstico usado é a cantidade que os habitantes do termo municipal de Ordes levan reciclado ao longo do pasado ano. Unha cantidade que foi depositada nos preto de 10 contedores especiais que están espallados en diversos puntos da vila ordense e do Mesón do Vento.
Por zonas sobresaen os contadores situados na rúa Alfonso Senra, con 620 litros recollidos ao longo do ano. A continuación están a rúa Campeiras, con 470 litros, a rúa da Feira, con 395 litros, a rúa Mundito, con 360 litros, ou a rúa Galicia, con case 300 litros. Polo contrario, no Mesón do Vento é onde se rexistran as cifras máis baixas, con 170 litros en total.
Por períodos destaca o mes de xuño, con 520 litros, seguido de marzo con 400 litros, xullo con 315 litros e agosto con 260. Segundo estas cifras pódese considerar que os habitantes de Ordes son máis propensos a este tipo de reciclaxe en época estival que durante o resto do ano. De feito, cando menos se recicla é nos meses de marzo e maio, con 130 e 145 litros respectivamente, seguidos dos meses de xaneiro e abril, con 155 litros cada un deles.
Esta boa práctica levada a cabo polos ordenses ten evitado que se contaminase un total de 3.899.600 litros de auga durante o pasado ano. Un hábito ao que teñen contribuído moi positivamente tanto o elevado número de contedores á disposición do público, como as campañas de concienciación levadas a cabo polo departamento de Medio Ambiente en diversas plataformas.











