Os veciños de Orbazai, en Lugo, revivirán os traballos da Malla na segunda fin de semana de agosto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLocalLugo
A-
A+

O Alcalde, José López Orozco; o Secretario da Asociación de Veciños de Orbazai, Nicolás Cacharrón, e Angel Santos, da Casa do Tendeiro, presentaron hoxe a X Malla do Trigo que se vai celebrar na parroquia de Orbazai os días 10 e 11 de agosto.

O Alcalde destacou o valor desta iniciativa veciñal que nos lembra ós lucenses a fundamental contribución que fixo o mundo rural á cultura galega, polo que agradeceu o traballo dos veciños que cada ano recuperan un dos labores propios do verán no agro galego que sempre requeriu do traballo común dos veciños.

López Orozco agradeceu o esforzo que fan durante todo o ano os veciños de Orbazai para recordarnos os costumes propios dos agricultores en relación co ciclo do pan e tamén recordou que o rural é un dos sinais de identidade de Lugo ó que non debemos renunciar.

Nicolás Cacharrón explicou que a festa da Malla de Orbazai está organizada pola Asociación de Veciños, a Comunidade de Montes e a Casa Tendeiro coa colaboración do Concello e a Deputación provincial e complétase coa celebración da III Exposición de Maquinaria Antiga.  

Esta actividade, que se completa coa celebración III Exposición de Maquinaria Antiga, forma parte dun proxecto máis amplo, o chamado Ciclo do pan, co que se trata de recuperar, para que non se perda unha das nosas raíces, o ciclo completo do sistema produtivo tradicional do pan.

Durante dous días, a parroquia de Orbazaoi revivirá un dos pasos máis laboriosos do proceso para a elaboración do pan e no que é necesaria a cooperación de moitas persoas.

Os organizadores destacan que nesta Malla empregaranse para separar o gran da espiga e da palla distintos utensilios, dende os tradicionais Mallos de madeira á Malladora e limpadora manual.

Orbazai viaxará atrás no tempo na fin de semana do 10 e 11 de agosto para que os antigos oficios e tradicións non caian o olvido.

O traballo desenvolverase nun ambiente festivo e os organizadores anuncian que non faltará nin pulpeira nin acompañamento musical.

Programa

As actividades comezarán o sábado, día 10, ás 11 da mañá coa apertura do recinto e da exposición de maquinaria antiga e de artesanía.

Ás 12.00 terá lugar a presentación do Ciclo do pan.

Unha hora despois, ás 13.00, haberá unha demostración de Malla con mallos.

Ás 14.00 terá lugar o xantar.

Para as 16.00 está previsto o encencido de motores antigos.

Ás 18.00 terá lugar unha charla-coloquio sobre aperos agrícolas.

Ás 18.30 está programada unha demostración de Malla con campeva.

A xornada rematará con actuacións musicais, que comezarán ás 20.00

O domingo, día 11, abrirase a xornada ás 10.30 coa presentación da Malla tradicional e reparto de traballos.

Ás 11.00 haberá unha charla-coloquio sobre temas do campo.

Para as 11.30 está programado o comezo da X Malla de Orbazai.

Ás 14.30 será o xantar.

Ás 17.00 comezarán as actuaciós musicais.

Unha hora máis tarde, ás 18.00, será o encendido de motores.

E ás 19.00 terá lugar o peche da exposición e traballos agrícolas.

29 de xullo de 2013 | 16:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.