publicidade hoxe

Os programas “Parque@ctivo” e “Libros no Parque” organizados polo Concello das Pontes abren mañá as súas portas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAs PontesLocal
A-
A+

O Concello de As Pontes, mediante o departamento municipal de Cultura, ofrecerá durante estes días de festas patronais unha ampla programación dirixida aos máis pequenos da casa.

De feito, mañá xoves inaugúrase, nos Xardíns do Campo da Feira, unha nova edición de Parque@ctivo, un programa de ocio para os nenos e nenas no que a música, as obras de teatro e o humor lles permitirá aos máis novos tamén ser parte destas festas, tal e como apuntaba a edil de Cultura, Sara Ramos.

Así, dende as 18.00 horas de mañá xa, os rapaces e rapazas que se acheguen ata os Xardíns do Campo da Feira poderán consultar os distintos libros, revistas e xogos que se oferten dende a Biblioteca Municipal, na actividade denominada Libros no Parque.

Media hora máis tarde será o turno para os nenos e nenas dos grupos de baile da Asociación Cultural Alende e da Escola Municipal de Baile Galego que ofrecerán unha exhibición cos pasos e bailes aprendidos ao longo do curso.

Para o sábado, a programación infantil inclúe un concerto da Banda Cultural e Recreativa de As Pontes, ás 13.00 horas, e ás 18.30 horas a actuación musical do grupo Palitroke, que ofrecerá un concerto participativo con xogos musicais para os máis pequenos, ideados para espertaren no público infantil o interese melódico e rítmico.

Seguiralle o domingo a obra Jiñol, da compañía de teatro infantil Trompicallo. Unha historia dinámica e divertida contada con títeres de luva, que poderá seguirse dende as 18.30 horas do domingo.

E o luns, por último Parque@ctivo inclúe na súa programación un novo concerto da Banda Cultural e Recreativa de As Pontes, dende as 13.00 horas, e ás 16.30 horas haberá inchables, xogos e a festa da escuma.

Ademais ao remate de cada xornada celebrarase un sorteo de agasallos sorpresa entre os rapaces e rapazas que participen nas distintas actividades que se organicen ao abeiro dos programas Parqu@ctivo e  Libros no Parque.

Parque@ctivo manterá abertas as súas portas todos os dias, ata o 22 de xullo, en horario de 11:30 a 14.00 horas, e dende as 18.00 ata as 20.30 horas.

Paralelamente a estas actividades e ata o  23 de xullo manterase Mundoxogo, promovido polo departamento de Xuventude, e con actividades para todas as idades, con pistas de Slot, cociña infantil, obradoiros de plastilina e debuxo, videoxogos, foanball, xogos de construcción e pintura de cara. Actividades que se desenvolverán tanto nos Xardíns do Campo da Feira como tamén na sala de exposicións do Mercado Vello, e que estarán abertas entre as 10.30 e as 13.30 horas e tamén entre as 17.00 e as 21.00 horas.

17 de xullo de 2013 | 18:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.