Os operarios que traballan nas obras do Pazo da Marquesa en San Sadurniño atopan tres pitos de curuxa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaSan Sadurniño
A-
A+
Técnico recuperando un dos pitos

Técnico recuperando un dos pitos

As obras de rehabilitación do edificio anexo ao pazo da marquesa deixaron á vista algo máis que os puntóns nos que descansaban as uralitas. Os operarios de Xestión Ambiental de Contratas -a empresa que traballa no edificio- atoparon a última hora de onte un niño con tres pitos de curuxa aos que a nai abandonou, seguramente, axotada polo boreo das obras. Os animais foron trasladados esta mañá ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Oleiros.

Os polos apareceron ocultos na ala oeste do edificio moi preto do borde do tellado, gorecidos no paramento interior da fachada. Os técnicos deron con eles ao erguer unha das últimas uralitas que lles quedaban por retirar da azotea. Ningún vira ao vivo animais deste tipo, semellantes cando son novos a unha grande bola de algodón con ollos negros e unha peculiar feitura da cara en forma de corazón.

De inmediato pararon os traballos e deron aviso ao Concello quen, á súa vez, contactou coa Xunta para que se fixese cargo dos poliños o antes posible. A nai debeu asañar o niño ao ver o avance dos traballadores e deixou as crías desprotexidas. Un técnico da Dirección Xeral de Conservación da Natureza subiu ao tellado e identificounas como exemplares de entre dous e tres meses de curuxa común (Tyto alba). A idade calculouse polo seu tamaño e polo feito de que estaban soltando a penuxe branca característica dos polos e deixando entrever as plumas pardas propias dos adultos.

Con sumo coidado o especialista da Xunta colleu unha a unha as tres crías e gardounas nunha gaiola. Pouco podían facer para se resistir, pero mostraron a súa disconformidade bufándolle continuamente e amagando rabuñarlle as luvas de coiro que levaba nas mans. Sinais inequívocos -a falta dun exame veterinario máis exhaustivo- de que os polos gozan de boa saúde.

De San Sadurniño as pequenas curuxas foron trasladadas ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre situado no concello de Oleiros. Alí recibirán alimentación e outros coidados ata que poidan ser reintroducidas no seu hábitat natural.

A curuxa común é unha ave rapaz de costumes nocturnas que ten querencia por aniñar en edificios abandonados, torres ou lugares pouco frecuentados polo ser humano. Aliméntase de ratos e outros pequenos animais e non se considera unha especie ameazada.

17 de xullo de 2013 | 19:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.