Os nenos e nenas das escolas de verán do Concello de Ordes comezan a viaxe arredor do mundo
Arredor de 50 rapaces e rapazas de entre 3 e 9 anos participan na primeira quenda das escolas de verán organizadas polo Concello de Ordes. Tanto o local social municipal como o polideportivo Campomaior son os lugares onde se desenvolven as actividades. Obradoiros creativos e literarios, xogos en equipo e incluso a posibilidade de dar unha volta arredor do mundo facendo escala en cada continente, para coñecer os costumes, tradicións ou comidas típicas, son tan só algunhas das actividades que lles agardan aos asistentes a esta iniciativa. Con todo iso o Concello de Ordes pretende ofrecer a posibilidade a pais e nais residentes no termo municipal de conciliar a vida laboral e familiar durante o período de vacacións.











