Os menores da Ludoteca visitan a Biblioteca de Verín para unha sesión de contacontos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalVerín
A-
A+

Cincuenta e catro menores da Ludoteca de Verán do Concello de Verín (servizo de conciliación e coeducación “Convive en igualdade”) asisten durante dous días ao mes a contacontos que se organizan na Biblioteca Pública Municipal de Verín.

Durante estas sesións, que se desenvolverán na zona infantil desta instalación municipal, os/as nenos/as formarán parte de sesións de contacontos, ademais de coñecer o servizo bibliotecario e funcionamento do mesmo, e as diferentes actividades educativas e lúdicas que se programan ao longo do ano -destinadas a fomentar o interese pola lectura e cultura nos/as nenos/as, dinamizar a biblioteca, xerar o hábito de acudir a esta instalación municipal e propiciar a labor de voluntariado entre os/as usuarios/as da mesma-.

Esta iniciativa é unha máis das realizadas no servizo da Ludoteca de Verán, co obxecto de conciliar a vida laboral e familiar dos proxenitores e cubrir o tempo vacacional dos/as menores, con idades comprendidas entre os 3 e 10 anos. Obradoiros educativos e lúdicos de igualdade e coeducación, baile, xogos populares e tradicionais, excursións aos mananciais da localidade, animación á lectura e contacontos, xogos cooperativos e de convivencia en tolerancia, piscina, novas tecnoloxías ou cine infantil son algunhas das actividades nas que poden participar os cativos/as inscritos na Ludoteca de Verán. Ademais, durante os meses de xullo e agosto programaranse iniciativas adicadas a diferentes temáticas como reciclaxe con Sogama, ambiente, deporte, alimentación, saúde ou persoas maiores; así como a actividade “Ponlle as pilas ao teu Bocata”, visita ao Parque de Bombeiros e as instalacións da Policía Local, obradoiros coa Cruz Vermella e o 26 de xullo participarán no desfile da Ludobatucada, no que eles/as mesmos/as realizarán os seus disfraces.

12 de xullo de 2013 | 18:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.