Os establecementos que participaron no concurso “Tapas Teo” contabilizaron máis de 3.000 tapas vendidas
O primeiro concurso de tapas do Concello, o Tapas Teo rematou cun notable éxito de participación e unha valoración do funcionamento positivo por parte da hostalaría teense e do propio Concello. O éxito vén avalado polas cifras, xa que máis de 3.000 tapas foron valoradas nas papeletas que había en cada local. En total 15 establecementos participaron neste Tapas Teo que funcionou entre o 21 e o 30 de xuño.
O número de tapas valoradas foron 3.080 máis non é exactamente o número delas consumidas. A cifra de tapas vendidas é maior xa que algunhas persoas non votaron. Esta valoración do consumidor foi a que serviu para determinar cal foi a tapa gañadora. Neste caso a máis valorada foi a do Café Bar A Capilla de Calo, unha filloa preñada con salteado de cabaciño, pemento, cogumelos e carnes marinadas, todo regado cunha salsa picante e de iogur. A segunda tapa máis popular foi a do Mesón Casa Pernas en Pontevea, que co nome Esencia de meigas levaba solombo de porco, champiñóns, nata, cebola e espárragos. A terceira no podium foi a do Mesón Novo Peteiro en Calo, un pratiño con rabo de toro, cebola, pemento, pataca, zenoira, chícharos e fabas de Lourenzá. As puntuacións que podían ser do 1 ó 5 estiveron como media por riba do 4.
Os datos do Tapas Teo tamén permiten saber cales foron as tapas máis consumidas. Neste caso a máis vendida foi a do Restaurante Canaletto en Cacheiras, un lagostino crocante sobre crema de pataca con ali oli de módena e xerminados de cebola. A segunda foi a do Café Bar Senra en Pontevea, unha tosta de calamar na súa tinta e a terceira a do Mesón Casa Pernas.
Este concurso ademais do recoñecemento para as mellores tapas tiña premio para os clientes. As persoas que emitiron algún voto e o depositaron nalgunha das furnas que estaban nos establecementos participaban no sorteo dunha cea para dúas persoas nalgún dos locais adheridos ó Tapas Teo. O premiado foi Alberto Meira Diéguez por unha tapa consumida no bar A Senra.
Pola súa banda as persoas que fixeron toda a ruta de tapas e completaron o pasaporte do concurso participaban noutro sorteo con dous premios. Neste caso a premiada cunha fin de semana nunha casa de turismo rural é Josefina Carballal Olveira e a persoa que gañou outra cea para dúas persoas é Pedro Puialto Rodríguez. Durante a próxima semana farase o acto de entrega dos vales para que as persoas afortunadas poidan facer uso do premio.
Este primeiro concurso Tapas Teo contou coa implicación e participación dos seguintes establecementos: Parrillada Bariloche, Parrillada As Brasas, Mesón Novo Peteiro, Bar A Capilla, Bar Chila Café, Restaurante Cierto Blanco, Restaurante San Martiño, Restaurante Taberna Riveiro, Parrillada Niño do Paizoco, Bar Taberna Mella, Bar A Senra, Mesón Casa Pernas, Restaurante Pórtico, Restaurante Canaletto e Cafetería Maradentro.











