publicidade hoxe

Os comerciantes e o goberno local de Culleredo abordan melloras para a zona comercial do Burgo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCulleredoLocal
A-
A+

O goberno de Culleredo mantivo na mañá de hoxe unha reunión cos representantes da Asociación de Comerciantes do municipio con obxecto de abordar melloras nas rúas Hersa e Sanjurjo de Carricarte do Burgo, que constitúen un dos principais focos comerciais do termo.

No encontro participaron o primeiro tenente de alcalde, José Ramón Riobóo, a concelleira de Promoción Económica, Marta Iglesias, o edil de Dinamización Local, Juan Carlos Igrexas Lovelle, e responsables do comercio e técnicos municipais. Tivo lugar no centro municipal de formación Pablo Picasso.

Os comerciantes realizaron diversas peticións ao goberno municipal co obxecto de dar facilidades aos usuarios e clientes. Pediron establecer zonas de parada limitada nas rúas, coa finalidade de ofrecer unha alternativa para efectuar operacións rápidas, e a ampliación horaria do aparcadoiro expreso da rúa Ribados e da avenida de Galicia para propiciar as xestións e compras nos negocios do ámbito.

Consideran tamén necesario garantir a correcta utilización das zonas de carga e descarga. Por iso, reclaman que se incremente a vixilancia da Policía Local do seu cumprimento. Neste sentido, o goberno local creará un protocolo de actuación dos axentes para o control nesta zona comercial.

Para o interior de Hersa e Sanjurjo de Carricarte, os comerciantes piden a colocación de sistemas redutores da velocidade dos vehículos, co obxectivo de garantir a seguridade vial dos peóns.

Ademais, a asociación solicita un redeseñar das xardineiras e bancos das rúas, cuestións xa previstas polo Concello nos plans de renovación que prepara, e a mellora da sinalización comercial.

O goberno de Culleredo procederá agora ao estudo destas peticións dos comerciantes. De entrada, hai un entendemento claro coa asociación para efectuar estas melloras e que redunden na dinamización comercial do Burgo.

11 de xullo de 2013 | 19:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.