Os cinco centros cívicos municipais de Ourense acollen desde hoxe actividades de verán, nas que participan 281 escolares
Coa recente apertura do Centro Cívico de Seixalbo, xa son cinco os centros cívicos do Concello de Ourense que ofrecen, durante os meses de verán, actividades gratuítas para entreter e divertir aos máis pequenos da cidade. O alcalde, Agustín Fernández, e a concelleira de Benestar Social, Marga Martín, visitaron esta mañá o Centro Cívico da Ponte para saudar aos nenos participantes no seu primeiro día.
Así, desde hoxe e ata o 31 de agosto, os Centros Cívicos de A Ponte, Colón, A Cuña, As Termas e Seixalbo acollerán actividades de carácter lúdico como manualidades, contacontos, bailes ou xogos, entre outras actividades. Unha das novidades desta edición é a instalación dun planetario móbil durante o mes de xullo nos centros cívicos de A Cuña (entre o 1 e o 18 de xullo) e A Ponte (entre o 18 e o 31 de xullo), no que os nenos poderán desfrutar de proxeccións de astronomía.
O total de inscricións nestas actividades é de 281 nenos de Educación Infantil e Primaria, distribuídos do seguinte xeito.
-A Ponte (Eulogio Gómez Franqueira, 43): 110
-Colón (rúa Colón, 18): 68
-As Termas (Praza 200): 38
-Seixalbo (rúa Estreita, 1): 34
-A Cuña (Doutor Peña Rey, 18): 31
Os nenos distribúense por quincenas -cada un participa nun mínimo de dúas-, e por grupos de máximos de 25 rapaces.











