Os Cempés e os grupos folks emerxentes protagonizan a primeira noite de concertos do Festival Ortigueira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaOrtigueira
A-
A+

A conta atrás xa está en marcha. O pobo de Ortigueira está inmerso de cheo nos preparativos do seu 29 Festival Internacional do Mundo Celta. A menos de 24 horas para o arranque da cita folk, e coa operación chegada en marcha, a organización ultima os detalles para o aceso do Escenario Estrella Galicia que, na súa primeira noite, sumará ao talento dos grupos emerxentes o espectáculo sempre animado duns veteranos como Os Cempés.

O Concello de Ortigueira, organizador do certame declarado de interese turístico internacional, apura o despregue do operativo preciso para botar a andar o festival, totalmente gratuíto, e preparar o núcleo urbano, de apenas dous mil veciños, para recibir, un ano máis, a decenas de miles de visitantes (a pasada edición reuniu a máis de 50.000 persoas).

Xa funciona a pleno rendemento o dispositivo de seguridade, trala chegada do medio cento dos xa habituais voluntarios de Protección Civil da provincia de Granada. Chegaron os primeiros buses especiais desde as principais cidades galegas, aínda que o groso do “desembarco” espérase para as xornadas do xoves e o venres, xornadas na que tamén Renfe activará os seus trens especiais e Arriva porá en servizo os buses urbanos entre o aparcadoiro vixiado, o núcleo urbano e a acampada do piñeiral de Morouzos. Reforzouse o servizo de limpeza municipal…

O pistoletazo de saída terá lugar pasadas as 20:00 horas na Praza de Isabel II cun espectáculo inaugural de marcado ton tradicional, no que a gran protagonista será a gaita. Agrupacións galegas e bretoas, lideradas pola Escola de Gaitas de Ortigueira, porán a música e os integrantes da agrupación local Gamelas e Anduriñas e da Dominic Graham School of Irish Dance o baile.

Antes, no entanto, os folkies poderán gozar das actividades paralelas “permanentes”, é dicir, a feira de artesanía e as exposicións “Momentos” de Toni Rego (Casa Consistorial) e “Galicia´s dream” de Vicente Ansola, ganador do Premio Hasselblad Master 2012 (Centro de recepción de Visitantes).

A partir das 22:00 horas, cambio de tezo coas propostas mestizas dos grupos emerxentes finalistas do Proxecto Runas 2013- Boc de Baleares, a banda vasca Ruaille Buaille, a castelán leonesa Folk on Crest e a galega Guezos– que competirán en directo por facerse un oco na próxima edición do certame musical. E, a iso das 2 da madrugada, fin de festa con Os Cempés, banda galega que tras anos de parón reencontráronse para sacar á luz “Tentemozo”, traballo discográfico co que celebran dúas décadas sobre os escenarios. Xolda asegurada.

Será o principio do certame folk, que conta co respaldo de Deputación da Coruña, Consellería de Cultura, Agadic, Axencia Galega de Turismo e Estrella Galicia, que se prolongará ata o domingo 14 de xullo e terá entre as súas cabezas de cartel á mítica banda bretoa Gwendal e grupos punteiros no panorama folkie europeo como os irlandeses Kan, de Brian Finnegan, os potentes Guidewires, ou a suma de poderosos talentos de Dán.

Programación xoves 11 de xullo

10:00 h- Apertura exposicións fotográficas “Momentos” e “Galicia´s dream”

17:00 h- Apertura feira de artesanía.

20:15 h- Espectáculo inaugural:

Escola de Gaitas de Ortigueira (Galicia)

Bagad Glazik Kemper (Bretaña)

A.C. Gamelas e Anduriñas (Galicia)

Banda gaitas Concello de Os Blancos (Galicia)

Dominic Graham School of Irish Dance (Irlanda)

22:00 h- ESCENARIO ESTRELLA GALICIA:

Final “Proxecto Runas 2013”

Boc (Illas Baleares)

Ruaille Buaille (País Vasco)

Folk on Crest (Castela e León)

Guezos (Galicia)

OS CEMPÉS (Galicia)

10 de xullo de 2013 | 18:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.