publicidade hoxe

Os campamentos de Vilarbó acollerán a 200 rapaces galegos durante o verán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAs PontesLocal
A-
A+
Unha das actividades do campamento

Unha das actividades do campamento

200 rapaces e rapazas de concellos de toda Galicia participarán, durante os meses xullo e agosto, na XXV edición das Acampadas Intermunicipais na Natureza de Vilarbó, ubicadas en As Pontes.

Este programa, malia contar cun cuarto de século de vida, continúa a ser todo un atractivo para menores de 17 anos que se animan, por uns días, a desfrutar da natureza e dun tipo de ocio, á marxe de consolas, videoxogos, televisión ou teléfonos móbiles e que apostan por outro tipo de actividades vencelladas co medio ambiente, a tolerancia, o deporte, a creatividade, o traballo en equipo e ata o inglés, unha novidade incluída este ano na programación destas acampadas, con xogos e exercizos dirixidos a mellorar o uso desta lingua entre os máis novos.

Vilarbó acollerá a un total de 200 campistas divididos en tres quendas, as cales xa arrincaban o sábado da pasada semana co campamento Multiaventura para nenos e nenas de entre 12 e 17 anos de idade e no que están a participar un cento de campistas vidos dende concellos coma Ourense, Fene, Neda, O Barco de Valdeorras, Arteixo, A Capela, e, por suposto As Pontes, un dos municipios organizadores, un ano máis, destas acampadas.

Precisamente, onte era o edil de Servizos Sociais e Participación Cidadá, José Alén, o que visitaba a estes campistas cos que compartía clases de manualidades, roitas en bicicleta con nocións de orientación e ata un paseo en canoa polas augas do Eume.

O concelleiro salientaba na súa visita o importante bo estado deste programa que, ano tras ano, logra cubrir todas as súas prazas gracias a un listado de actividades que contan, unha vez máis, coa dirección dunha vintena de monitores e monitoras da Escola de Tempo Libre Néboa.

Asemade, José Alén tamén anunciaba a intención do executivo local de continuar a apoiar economicamente estas acampadas. De feito, por segundo ano consecutivo, o executivo pontés, xunto coa asociación Néboa, subvencionarán a quenda adicada a persoas con discapacidade que se desenvolverá entre os días 1 e 21 de agosto e que contará con 22 prazas, xa que novamente a Xunta de Galicia non se fará cargo destes campos de traballo que estarán dirixidos por un total de oito monitores.

Outro dos obxectivos do goberno municipal pasa por aproveitar no inverno estas dependencias. Así as cousas, o concelleiro de Sevizos Sociais anunciaba durante esta visita que o próximo proxecto municipal pasa por continuar con actividades durante o inverno, aproveitando os dous bungalows con capacidade para 30 persoas cos que contan estas instalacións.

Vilarbó despedirá o xoves da vindeira semana aos seu primeiros campistas para dar a benvida xa o día 20 aos 70 nenos que tomarán parte no campamento Robinson, campamento para o que aínda hai opción de inscribirse ata este domingo con tan só achegar a pertinente folla de matrícula nas dependencias da concellería de Deportes, no polideportivo municipal. Asemade, é posible consultar prezos e resto de bases deste campamento mediante a web municipal no enderezo www.aspontes.com. 

10 de xullo de 2013 | 17:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.