Os aspirantes a socorristas examinaranse o xoves cun simulacro de salvamento acuático na praias
O Concello seleccionará o xoves aos 11 socorristas que se encargarán da vixilancia das praias durante a temporada de verán. Os aspirantes convocados polo servizo Público de Colocación entre os desempregados que contan coa titulación requirida deberán superar unha proba teórica e unha física que se desenvolverá nas praias da Concha Compostela e que consistirá nun simulacro de salvamento acuático dun bañista. A previsión é que o servizo de vixilancia das praias comece o venres.
Os once socorristas dos que disporá este verán o Concello para prestar servizo nas praias serán contratados a través do Programa de Cooperación da Xunta de Galicia. A selección realizarase mediante os sistema de concurso-oposición. Os aspirantes están citados para as 9 da mañá para a realización dunha proba teórica no Auditorio na que, mediante a realización dun test de 20 preguntas deberán demostrar os seus coñecementos sobre salvamento, primeiros auxilios e mesmo sobre a normativa sobre Bandeira Azul, un aspecto a ter en conta dado que na praia do Campanario, en Bamio, ondeará este galardón este verán. Tamén terán que realizar dúas traducións de galego a castelán e viceversa.
Pero a parte máis espectacular da selección será a que se celebre a media mañá, nos areais da Concha Compostela, onde os candidatos a acceder a unhas das 11 prazas de socorristas ofertadas, deberán poñer en práctica as súas habilidades. O simulacro de salvamento ao que se someterán inclúe a realización dunha carreira de 100 metros pola area, entrar na auga e nadar 100 metros ata chegar ao bañista que simula afogarse. Os candidatos deberán realizar zafaduras e controlar ao accidentado, remolcándoo con seguridade ata a beira onde terán que realizar unha manobra de RCP (reanimación cardio pulmonar) a un maniquí.
O xurado valorará os tempos realizados por cada aspirante, a seguridade do rescate e técnica e eficacia da manobra de RCP.











