Os 80 nenos da ludoteca municipal de Ponte Caldelas gozan dun verán diferente combinando natureza e inglés
Un total de 80 nenos e nenas de Ponte Caldelas, en quendas de mañá e tarde, gozan dun verán diferente en contacto coa natureza grazas ás actividades que coordinan tres monitoras e unha en prácticas da Ludoteca Municipal. Este ano os xogos xiran en torno á concienciación ecolóxica dos participantes ao tempo que amplían o seu vocabulario en inglés fomentando o uso desta lingua estranxeira.
As actividades ao aire libre da Ludoteca Municipal teñen ao río Verdugo e á Alameda de Ponte Caldelas como escenarios para interactuar coa natureza. A primeira semana estivo dedicada a xogos de presentación para fomentar o coñecemento entre os nenos participantes na Ludoteca e a segunda, estará destinada a crear un acuario de reciclaxe para fomentar conciencia ecolóxica e o respecto polo medio natural.
Mañá os nenos da Ludoteca trasladaranse á Área Recreativa e zona de baño da Calzada onde terá un contacto máis directo co río Verdugo a través de xogos coa auga para mitigar os efectos das altas temperaturas desta tempada estival.
A Ludoteca Municipal de Ponte Caldelas ampliou o seu horario en xornada de verán dende o 1 de xullo ao 16 de agosto para favorecer a incorporación de nenos e nenas de 3 a 11 anos ás súas actividades de ocio e aprendizaxe que terán ás yincanas de auga, talleres de reciclaxe, cuentacuentos e o uso do inglés como protagonistas. Así, establécense dúas quendas de actividades: Un de mañá, con horario de 10:30 h. a 14 horas e outro de tarde, de 16:30 h. a 20 horas.
ÚLTIMAS PRAZAS PARA A QUENDA DE TARDE
Os pais que queiran inscribir aos seus fillos nestas actividades de verán, na quenda de tarde, terán que dirixirse á Ludoteca Municipal en horario de 16:30 a 20:30 horas onde poderán recibir información personalizada, por parte das profesoras e monitoras do centro, sobre todas as actividades a realizar. O prezo será de 60 euros por toda a tempada e de 40 por só un mes.
COMPAXINAR A VIDA LABORAL E FAMILIAR, TAMÉN EN VERÁN
Un dos obxectivos do Concello de Ponte Caldelas co fomento de actividades estivais na Ludoteca Municipal vai orientado a favorecer a compatibilidade entre a vida laboral e a familiar. O feito de que finalice o curso escolar non impide que se poidan desenvolver actividades lúdicas e formativas para os máis pequenos ao tempo que son atendidos nun centro público con garantías mentres os seus pais están aínda en horario laboral.
A intención do Concello de Ponte Caldelas é que a Ludoteca Municipal funcione na práctica como un campamento urbano onde as actividades, a convivencia, a socialización e a aprendizaxe pola vía do xogo sexan os instrumentos que favorezan un maior e mellor desenvolvemento persoal e individual dos nenos e nenas que asisten a esta iniciativa.











