Ortigueira suspende os actos institucionais previstos das festas en honor a Santa Marta
Tras os dramáticos acontecementos acontecidos o pasado día 24 de xullo en Santiago de Compostela e en sinal de respecto ás decenas de vítimas do accidente ferroviario e aos seus familiares, o Concello de Ortigueira decidiu suspender os actos institucionais previstos para as festas en honor a Santa Marta que se inician mañá sábado na localidade. A medida leva consigo a cancelación do pregón e, xa o domingo, da tradicional saída dende o concello das bandas que amenizan a xornada.
Unha vez secundados este mediodía os 5 minutos de silencio en sinal de duelo na Praza de Isabel II, e tras comunicar a decisión á comisión organizadora das festas, o alcalde de Ortigueira, Rafael Girón, anunciou que o goberno local, debido aos sete días de loito oficial decretados pola Xunta de Galicia e en memoria dos falecidos e en solidariedade cos feridos do accidente, suspende os actos organizados dende o concello con motivo dos festexos.
A medida supón que mañá pola noite non haberá o tradicional pregón de inicio das festas que estaba previsto que lese o director do diario ABC, Bieito Rubido. Así mesmo, o domingo 28 de xullo ao mediodía tampouco se producirá dende diante da Casa do concello a histórica saída das bandas de música que amenizarán a xornada. Non obstante, e conforme ao acordado entre concello e comisión de festas, terá lugar un desfile, totalmente despoxado do tradicional cerimonial, con punto de partida na Alameda, das agrupacións musicais polas rúas do núcleo urbano.
Dende o Concello de Ortigueira infórmase finalmente os veciños e veciñas da decisión da Comisión de Festas de Santa Marta de manter, segundo o previsto, o conxunto dos actos programados dende mañá e ata o 31 de xullo.











