Ortigueira renderá tributo ao ciclista Suso Cobelo durante o “II Día da Bicicleta” o 20 de xullo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesLocalOrtigueira
A-
A+

Ortigueira celebra o próximo sábado 20 de xullo o “II Día da Bicicleta”. A proposta, concibida para promover este medio de transporte ecolóxico e impulsar a práctica deportiva, desenvolverase nas rúas do núcleo urbano do municipio. Nesta ocasión, o paseo suma interese ao contar coa presenza do corredor Suso Cobelo, ortegano dedicado ao ciclismo, que se recupera dunha grave enfermidade, e ao que se rende tributo pola súa carreira profesional.

A ruta, pensada para que participe toda a familia e para fomentar o deporte e o uso da bici como un transporte saudable e ecolóxico, partirá do Centro de Recepción de Visitantes (Porto de Ortigueira) ás 11 horas, discorrendo por parte da armazón urbana da localidade ata retornar de novo ao punto de orixe. En total, uns 3 quilómetros de itinerario.

O Concello de Ortigueira ten querido dedicar este ano este día a recoñecer a traxectoria de Jesús Cobelo (Ortigueira, 1977), profesional que chegou a estar na máxima categoría co equipo Xacobeo Galicia, e a poñer en valor o seu empeño persoal de seguir adiante no mundo do ciclismo, a pesar das dificultades e contratempos vividos.

Os veciños e visitantes que queiran participar nesta marcha, á que non faltará o propio Cobelo, terán que inscribirse, de xeito totalmente gratuíto, dende mañá e ata o día 20, antes do inicio do percorrido, no que será obrigatorio utilizar casco, tanto na Oficina de Turismo como no xa citado Centro de Visitantes (teléfono 981422089 /607664403). A iniciativa municipal conta coa colaboración da ACO.

15 de xullo de 2013 | 17:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.