Ortigueira poñerá en marcha o banco itinerante de recursos para impulsar actividades na zona rural en setembro
As concellarías de Benestar Social e Participación reforzarán, con apoio do Agader, a partir do mes de setembro, a súa programación de actividades sociocomunitarias coa posta en marcha dun “Banco itinerante de recursos municipais”. O concello acaba de dotarse de catro lotes de material temático que se poñerá a disposición dos monitores municipais e das distintas asociacións veciñais para achegar servizos ás parroquias rurais.
Tal e como anunciou o alcalde Rafael Girón na recente clausura das actividades sociocomunitarias, o proxecto constitúe unha clara aposta por unha forma alternativa de crear accións socioculturais e de ocio, sacando o máximo partido das novas tecnoloxías da comunicación e achegando material de distinto tipo aos lugares máis afastados do núcleo urbano.
O proxecto, cofinanciado por Agader, e no que se investiron algo máis de 19.000, permitirá o concello dotar á rede de centros sociais do material preciso para ampliar a súa oferta de ocio e de formación.
Deste modo, o concello ofertará as entidades asociativas e poñerá a disposición dos seus propios monitores unha variada dotación lúdica con xogos de razoamento lóxico, xogos populares e tradicionais e xogos infantís que xirará polas 22 parroquias do municipio. O mesmo sucederá cos ebooks da que aspira a ser unha verdadeira biblioteca electrónica rural e co material deportivo necesario para os talleres de ximnasia básica e terapéutica que se realizan en boa parte das parroquias e que teñen aos maiores como principais destinatarios.
Finalmente, o concello prestará ás entidades que o precisen material para representacións artísticas (cadeiras portátiles, tarima e equipos audiovisuais) destinado a paliar a carencia de auditorios e espazos adecuados nas parroquias para o desenvolvemento de actuacións teatrais, musicais…
En definitiva, a iniciativa supoñerá un avance cualitativo na aposta, convertida en prioritaria polo rexedor municipal, de descentralizar a oferta formativa e de ocio da zona rural, favorecendo así a inclusión social dos veciños independentemente de onde vivan.











