Oroso rexistra un gran éxito de asistencia na primeira edición do festival folclórico “Parque do Carboeiro”

Actuación de Xacarandaina
A primeira edición do festival folclórico “Parque do Carboeiro” foi quen de superar a vaga de calor desta fin de semana e conseguiu un gran éxito, tanto polo gran nivel dos grupos participantes como pola asistencia de público. Iso si, as actuacións tiveron que demorarse máis de dúas horas debido á forte calor reinante e a que o sol incidía directamente sobre o escenario e o público.
A festa comezou ás 12:00 horas cun pasarrúas por Sigüeiro e varias actuacións dos alumnos das escolas de Lembranzas do Tambre sobre o escenario disposto no parque do Río Carboeiro. O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, foi o encargado de dar a benvida a todos os veciños e veciñas presentes e asegurou que “este festival folclórico é digno sucesor da Festa Enxebre, que faciamos na Illa do Refuxio ata hai dez anos e ao que non nos deixaron dar continuidade”.
Unha continuidade que Mirás garantiu para este novo festival: “co traballo de todos, do Concello e das asociacións e grupos folclóricos de Oroso, convertermos este festival nunha cita fundamental en Oroso, ao nivel da Festa da Troita”. Manuel Mirás explica que “con estes festivais estamos dando a coñecer a nosa música e as nosas tradicións”.
Atraso consensuado
Unha vez rematadas as actuacións, centos de veciños e veciñas buscaron acubillo baixo a sombra das distintas árbores do Carboeiro para dar boa conta dun menú composto por empanada, polbo e churrasco.Diante da forte calor, que mesmo motivou a suspensión da tirada de bombas de palenque, o alcalde de Oroso e o concelleiro de Cultura, Antonio Leira, reuníronse cos representantes dos grupos e acordaron atrasar o inicio do festival ata as 20:00 horas, momento no que a sombra xa cubría o escenario e gran parte do auditorio.
A única salvedade foi que Xacarandaina actuou en primeiro lugar e fixo os seus dous pases seguidos, xa que tiñan outro compromiso esa mesma noite. Os coruñeses arrincaron moitos aplausos cos seus cantos de taberna e polo uso de “peculiares” instrumentos de acompañamento como os sachos ou varas de vimbio. Polo escenario do Carboeiro actuaron tamén Buxos Verdes (Senra/Cardama- Oroso), que este ano celebra o seu 25 aniversario; a La Rosa del Azafrán, grupo Toledano que foi moi aplaudido polo sorprendente da súa combinación de guitarra, baile e castañolas; Néboas no Cumio (Oroso), que ofreceron unha selección de habaneras e muiñeiras; e Lembranzas do Tambre, que este ano cumpre os seus 30 anos de historia.
A festa estendeuse ata ben entrada a noite, momento no que as altas temperaturas da xornada deron paso a unha noite moi agradable no paseo do Carboeiro. De feito, segundo ía pasando o tempo, eran máis os veciños e veciñas que se achegaban a participar desta festa, que xa ten garantida continuidade para 2014.











