Oroso ofrece durante o mes de agosto actividades gratuítas de aquagym
O Concello de Oroso ofrecerá actividades gratuítas de Aquagym durante todo o mes de agosto aos usuarios da piscina municipal de Sigüeiro. Para participar nestas actividades non será preciso anotarse, senón que todos aqueles veciños e veciñas que o desexen poden sumarse todos os luns, mércores e venres do mes de agosto, ás 12:00 horas.
O aquagym é unha modalidade de fitness acuático que inclúe numerosos exercicios para a tonificación muscular. Con esta actividade conséguese unha mellora da condición física en xeral e está indicado para todo tipo de persoas e de idades, xa que a propia resistencia da auga permite desenvolver a capacidade motriz das persoas maiores cun menor risco de lesións. Para facer máis amenos os exercicios, os participantes contarán con churros acuáticos.











