Oroso celebra este sábado a primeira edición do festival folclórico “Parque do Carboeiro”
O Concello de Oroso organiza a primeira edición do festival folclórico “Parque do Carboeiro”, que terá lugar este sábado 6 de xullo en Sigüeiro, no marco natural do parque do Carboeiro. O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, explica que “queremos recuperar o espírito dos festivais folclóricos que se facían hai anos na Illa do Refuxio, dando a coñecer a nosa música e as nosas tradicións e disfrutando dunha xornada de festa e confraternidade”.
A xornada comezará ás 12:00 horas cun pasarrúas por Sigüeiro, ao que seguirán varias actuacións dos alumnos das escolas de Lembranzas do Tambre. Ás 14:30 horas terá lugar un xantar campestre no paseo do Carboeiro, onde as familias poderán optar por traer o xantar da casa ou ben comer nalgún dos postos que haberá instalados na contorna e que ofrecerán polbo, churrasco, empanada e outros produtos a prezos asequibles.
Actuacións
A partir das 18:00 horas terán lugar as actuacións, nas que tomarán parte as agrupacións Xacarandaina (A Coruña), Lembranzas do Tambre (Sigüeiro-Oroso), Buxos Verdes (Senra/Cardama- Oroso), Néboas no Cumio (Oroso) e La Flor del Azafrán (Toledo). Manuel Mirás espera que este sábado “sexa un día no que mesturemos a música cun importante programas de actividades onde toda a cidadanía puída participar. Para iso faremos un encontro e un xantar con todas aquelas persoas que queiran achegarse ao festival, ben do concello de Oroso ben doutras partes”
O alcalde de Oroso recoñece que a celebración deste festival “é unha espiniña que tiña cravada dende que organizaba os festivais que tiñan lugar na Illa do Refuxio e que, por unha cousa ou por outra, ao final non dabamos recuperado”. Unha recuperación realizada grazas á colaboración amosada co Concello de Oroso por parte das agrupacións folclóricas locais: Lembranzas do Tambre, Buxos Verdes e Néboas no Cumio.
Ata o de agora, o festival folclórico viña celebrándose cada ano dentro da Festa da Troita, ocupando un par de horas da tarde do domingo. Sen embargo, este ano o Concello de Oroso apostou por eliminar o festival e que os distintos grupos orosáns ofrecesen pasarrúas e actuacións diversas ao longo da Festa da Troita. Con este cambio, o Concello de Oroso pretende darlle unha maior significación ao festival folclórico, dedicándolle toda unha xornada na que a música tradicional será a única protagonista.











