Ordes celebrará as súas festas patronais na honra a Santa María cun amplo desplegue de propostas lúdicas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLocalOrdes
A-
A+

Ordes celebrará as súas festas patronais na honra a Santa María os días 14,15,16 e 17 de agosto. Orquestras, bandas de música, grupos tradicionais, atraccións, postos de toda índole e moito máis fará posible que un ano máis as festas locais da vila sexan das máis concorridas de todo o territorio galego. Na primeira xornada será a orquestra Panorama a encargada de inaugurar estes días de celebración nunha verbena nocturna na que estará acompañada doutra formación musical.

O día 15, día da Santa María, haberá misa solemne ás 12 horas, tras a que se sacará a imaxe da patroa de Ordes en procesión polas principais rúas do pobo. A orquestra Miramar animará a todos e todas durante a sesión vermú e tamén ao longo da noite, onde estará acompañada pola formación Armonía Show. Un día no que tamén se poderá desfrutar da Banda de Música de Arzúa así como da música tradicional de Espadana Gaiteiros e dos simpáticos e bromistas cabezudos.

Tal e como manda a tradición o día 16 a xornada estará dedicada aos emigrantes. Ás 13 horas haberá unha ofrenda floral no monumento dedicado á súa figura situado a carón da Casa Consistorial, así coma un acto litúrxico. Nesta xornada a nota musical virá da man da orquestra Magos de España, quen volverá estar presente ao longo da noite conxuntamente coa orquestra París de Noia e a artista local Tania Veiras, ben coñecida por todos grazas á súa participación no concurso de talentos do programa Luar. Tamén se encargarán de animar a festa Os Viqueiras de Ordes coas súas gaitas e pandeiros, así como a Banda de Música de Ordes.

O sábado 17, derradeiro día de celebración, a nota musical virá da man de Bahía Blanca tanto a mediodía como pola noite. Non serán os únicos senón que tamén actuará a charanga Recovio, ademais doutro grupo aínda por confirmar.

31 de xullo de 2013 | 18:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.