Oito establecementos participarán no II concurso de pinchos “Mellor… con pan de Neda”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalNeda
A-
A+

Oito negocios hosteleiros participarán este ano na segunda edición do Concurso de Pinchos “Mellor… con pan de Neda”. Celebraráse do 15 ao 25 de agosto e a iniciativa enmárcase no ciclo de actividades previas á XXV Festa do Pan de Neda, declarada de Interese Turístico de Galicia, co ánimo de promocionar e promover conxuntamente a industria panadeira e a hostelería da real vila.

A concelleira de Promoción Turística, Montse Rico, detallou as bases do certame, que organiza o Concello coa colaboración do sector. Así, explicou que o pincho debe ser unha creación culinaria coidada na que necesariamente un dos compoñentes debe ser o pan de Neda. Así mesmo, engadiu que o xurado será popular. É dicir, serán os propios clientes os que elixan os mellores pinchos. Para isto, editaranse unhas tarxetas nas que aparecerán casillas para cada un dos locais participantes. Así, aqueles que desexen formar parte do xurado deberán depositar a súa tarxeta selada en cada un dos negocios, asegurando deste xeito que degustou todos os pinchos e sinalando no documento a súa elección. Este ano, e como novidade, os locais poderán elixir o horario no que vaian a participar, comunicándoo previamente á organización para que se especifique nas cartillas, facilitando así aos clientes toda a información necesaria.

A entrega de premios celebraráse no transcurso da Festa do Pan, o día 1 de setembro. Haberá dous galardóns: ao Pincho máis saboroso e ao máis orixinal. Recibirán diplomas acreditativos e trofeos. Ademáis, e como novidade este ano, todas as cartillas seladas entrarán a formar parte dun sorteo co seu conseguinte premio.

19 de xullo de 2013 | 18:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.