Obras na Escola Infantil e no Ceip de Allariz
O Concello de Allariz está a proceder a execución das obras de mantementos e mellora do Colexio Padre Feijóo e da Escola Infantil de Allariz.
Os centros solicitaron ao Concello o pintado do comedor e vallado exterior do recinto e o arranxo dos desperfectos na beirarrúa no caso do CEIP. Pola súa banda a escola infantil solicitou melloras na carpintería exterior no que corresponde ao edificio de ampliación.
As obras realizaranse neste mes o que permitirá telas finalizadas para o inicio do novo curso escolar.
Ampliación do CEIP
Estase a ultimar o proxecto de urbanización de ampliación do CEIP que mellorará o entorno do pavillón de deportes municipal e do fronte no que se ubicará o novo colexio.
O Alcalde aproveitaba esta nova para reiterar a necesidade do inicio das obras para poder dar correcto servizo ao incremento de matrículas que o CEIP experimenta ano a ano dende 2010, superando hoxe os 400 alumn@s.
Con estas intervencións, que se aproximan aos 7.000 euros de orzamento, o Concello de Allariz mantén o compromiso permanente pola calidade do servizo público de ensino entendendo que “é primordial e importante o esforzo municipal”.











