#objetivocoruña arranca cun encontro con fotógrafos que captarán imaxes da cidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocalLocal Portada
A-
A+

Cinco dos mellores fotógrafos de viaxes de España abrirán hoxe cunha charla-masterclass a II Edición de #objetivocoruña, o evento organizado polo Consorcio de Turismo, que preside Luisa Cid, para promover a imaxe máis moderna da cidade. Lucas Vallecillos, Gonzalo Azumendi, Anxo Martínez Bermejo, Óscar Domínguez e Rafael López-Monné contarán as súas experiencias no Museo Nacional de Ciencia y Tecnología (Muncyt). O acto, de carácter gratuíto, será unha mesa redonda aberta ao público e comezará ás 19.00 horas.

Aos fotógrafos que participan en #objetivocoruña aválaos unha dilatada carreira profesional: publicaron as súas obras en The Times, The Sunday Times, A Repubblica, Geo, Cosmopolitan, BBC, a axencia alemá Agentur Bilderbeg ou Newsweek; traballado para organismos como a Unesco; colaborado coas mellores webs de viaxes e en medios especializados de primeira liña, como Lonely Planet e National Geographic, ademais de ilustrar coas súas reportaxes documentais, guías de viaxe, libros e revistas de medio mundo. Durante estes días -chegaron o mércores e permanecerán na Coruña ata mañá- ofrecerán a súa visión particular da cidade capturando rostros e paisaxes, sen esquecerse dos monumentos e a gastronomía, pero cun denominador común: farano dende o seu particular punto de vista, intentando atrapar imaxes curiosas e diferentes. Como na edición anterior, #objetivocoruña terá gran presenza nas redes sociais (Twitter, Instagram e Facebook) e poderase seguir no twitter @corunaturismo a través do hashtag #objetivocoruna.

O evento pecharase mañá con dous quedadas fotográficas que se celebrarán entre as 09.00 e as 14.00 horas. En total, haberá cinco rutas, cada unha dirixida por un dos fotógrafos, con itinerarios diferentes e cun máximo de 15 persoas por grupo, na que os asistentes fotografarán A Coruña guiados por estes profesionais. Tanto a charla como as quedadas fotográficas son gratuítas e as prazas están esgotadas dende hai semanas.

Posteriormente, o Consorcio de Turismo realizará unha selección das imaxes para ampliar o seu arquivo fotográfico, tal e como fixo na primeira edición, que desbordou todas as previsións cunha gran repercusión nas redes sociais. Durante os días do evento e posteriores o hashtag #objetivocoruña superou entón as 150.000 impresións e subíronse máis de 1.000 fotos a Twitter.

5 de xullo de 2013 | 11:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.