O “XIII Triatlón Cidade de Ferrol” que se disputará no entorno do paseo marítimo de Caranza contará con máis de 300 deportistas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaFerrolLocal
A-
A+

A concelleira de Deportes do Concello de Ferrol, Susana Martínez Galdós, presentou hoxe o “XIII Triatlón Cidade de Ferrol” que se celebrará o vindeiro domingo 14 no mesmo escenario que en 2011 fora sede da Copa do Rei e do Campionato de España de Acuatlón: o entorno do paseo marítimo de Caranza. A edil ferrolá estivo acompañada polo vicepresidente do Club Triatlón Ferrol, Juan Luis Pedrosa, entidade organizadora do evento deportivo xunto co Concello de Ferrol.

Susana Martínez explicou que esta nova edición do Triatlón Cidade de Ferrol coincide coa cuarta xornada do circuíto galego da especialidade, polo que se decidirá na cidade naval as prazas para o campionato autonómico. A competición constará de probas de categoría elite dende cadete ata veteranos, tanto masculinas como femininas, e de maneira paralela se desenvolverá una proba popular para novos afeccionados a este deporte. Así mesmo, como o ano pasado, nas categorías benxamín e alevín disputarase un acuatlón en formato de natación e carreira, que recibe o nome de “Nada e Corre”. A organización espera unha participación moi elevada onde sobresaen nomes como Inés Santiago, Carmen Gómez, Marcos Ruiz e Andrés Cendán, todo eles deportistas do Club Triatlón Ferrol. A titular de Deportes felicitou ao equipo ferrolán pola súa organización “será un éxito como en anos anteriores”.

Pola súa banda, Juan Luis Pedrosa, quixo agradecer a colaboración da Concellería de Deportes. No que atinxe á participación, arredor de 320 participantes daranse cita neste “XII Triatlón Cidade de Ferrol”, ao tempo que destacou que a proba de acuatlón para benxamíns e alevins “non se trata de competir, senón de xerar afección por este deporte”, dixo o vicepresidente do Club Triatlón Ferrol.

Corte de tráfico     

Así, con motivo da celebración do “XIII Triatlón Cidade de Ferrol”, o vindeiro domingo día 14 procederase ao corte do tráfico en horario de 9:30 a 13:30 horas na Avenida das Pías en sentido a Fene, e na Avenida do Mar entre a rotonda da Citroën -Polígono da Gándara- e a rotonda de Masaia -Avenida do Mar-.

11 de xullo de 2013 | 19:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.