O VI Arepazo 2013 de Ourense incluirá un percorrido termal, actuacións culturais e musicais, gastronomía e costumes de Venezuela

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLocalOurense
A-
A+

A gastronomía, cultura e costumes de Venezuela serán os protagonistas  un ano máis do “Arepazo”, que este ano chega á súa sexta edición, organizada pola Asociación Ourensá Venezolana “Alma llanera”, en colaboración coas concellerías de Benestar Social, Industria e Comercio do Concello de Ourense. A concelleira de Benestar Social, Marga Martín, o concelleiro de Industria e Comercio, José Carlos Martínez Pedrayo, e os representantes da asociación “Alma llanera”, Sonia Sánchez e José Antonio Reza, presentaron esta mañá no Salón de Plenos a programación de actividades deste ano, que se celebrarán no Campo da Feira este sábado día 6.

A edición deste ano leva o emblema “Ruta termal y Arepazo van de la mano”, para por en contacto as culturas ourensana e venezolana, contribuíndo a dar a coñecer o potencial termal da cidade. O programa inclúe un percorrido termal, actuacións muscais e culturais, torneo de dominó e de “bolas criollas”, gastronomía e animación para os máis cativos:

-Percorrido en tren turístico pola ruta termal, con saída ás 11 h. desde o Campo da Feira ata o casco histórico e As Burgas (ida e volta)

-A partir das 16 h. actuacións culturais e musicais coa actuación de Os Perqutores de Seixalbo, Grupo Cultural Alma Llanera, Animación Latina, Maira Show e Carlos Li, acompañado pola animación da Will Discoteca Móvil.

-Torneo de Dominó e Torneo de Bolas Criollas: con inscrición de 5 euros por parella, haberá premios para os campións e subcampións de cada categoría.

-Animación para os máis cativos.

Día de festa e aproximación de costumes

Na presentación desta mañá, a concelleira Marga Martín calificou a actividade como “un día de festa e aproximación dos costumes dos venezolanos aos ourensáns”, e agradeceu o labor que desempeña a asociación “Alma llanera” non só na celebración deste día, senón ao longo de todo o ano, pola mellora do benestar de todo o colectivo.

Sonia Sánchez, da asociación “Alma llanera”, salientou a participación de venezolanos procedentes de toda a comunidade galega -especialmente Lalín, Pontevedra, Vigo e Coruña-, coa importancia que supón para a promoción da zona cara ao exterior.

Pola súa banda, José Antonio Reza, membro da asociación, considera o espazo de celebración, o Campo da Feira, coma “o lugar idóneo, inmellorable”. O concelleiro José Carlos Martínez Pedrayo rematou a presentación sinalando que “casi tódolos ourensáns temos algún familiar de Venezuela”.

2 de xullo de 2013 | 17:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.