O VI Arepazo 2013 de Ourense inclúe un percorrido termal, actuacións culturais e musicais, gastronomía e costumes de Venezuela
A gastronomía, cultura e costumes de Venezuela serán os protagonistas un ano máis do “Arepazo”, que se desenvolverá, mañá, sábado, día 6 de xullo, no Campo da Feira. A actividade, que este ano chega á súa sexta edición, está organizada pola Asociación Ourensá Venezolana “Alma llanera”, en colaboración coas concellerías de Benestar Social, Industria e Comercio do Concello de Ourense.
Co lema “Ruta termal y Arepazo van de la mano” pretende poñer en contacto as culturas ourensá e venezolana, contribuíndo a dar a coñecer o potencial termal de Ourense. O programa inclúe un percorrido termal, actuacións musicais e culturais, torneo de dominó e de “bolas criollas”, gastronomía e animación para os máis cativos:
-Percorrido en tren turístico pola ruta termal, con saída ás 11 h. desde o Campo da Feira ata o casco histórico e As Burgas (ida e volta)
– A partir das 16 h. actuacións culturais e musicais coa actuación de Os Perqutores de Seixalbo, Grupo Cultural Alma Llanera, Animación Latina, Maira Show e Carlos Li, acompañado pola animación da Will Discoteca Móvil.
– Torneo de Dominó e Torneo de Bolas Criollas: con inscrición de 5 euros por parella, haberá premios para os campións e subcampións de cada categoría.
– Animación para os máis cativos.











