publicidade hoxe

O verán lúdico e educativo de Tordoia péchase cunha representación teatral

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalTordoia
A-
A+
Instante da representación

Instante da representación

A Casa da Cultura de Tordoia acolleu esta mañá a representación teatral “O mundo ao revés” que serviu para pechar as actividades do Verán Lúdico e Educativo que se desenvolveu no Concello de Tordoia durante o mes de xullo. A obra teatral contou coa participación de todos os pequenos que acudiron ao Verán Lúdico, divididos en diferentes contos tradicionais aos que se lles deu unha lectura diferente, centrada nos valores da igualdade e o entendemento.

Trala representación, os nenos recolleron os seus diplomas de aproveitamento e un cd coas mellores imaxes da súa participación nesta iniciativa. Unha actividade que se desenvolveu durante o mes de xullo en horario de mañá, tempo durante o que os 35 nenos e nenas inscritos puideron aprender manualidades e expresión corporal, participaron en obradoiros de animación á lectura e contacontos ou botaron man da súa imaxinación coa plastilina caseira que aprenderon a elaborar coa axuda das súas monitoras. Tampouco faltaron as saídas ao pavillón polideportivo ou para facer un roteiro medioambiental que lles permitiu coñecer mellor a súa contorna e as especies animais e vexetais coas que conviven.

Segundo explicaron desde o Concello, as actividades tiveron moi boa acollida e cubríronse todas as prazas ofertadas, sen que ningún pequeno que cumprira os requisitos quedara fóra. A satisfacción tamén se palpaba entre os pais, que agardan que a iniciativa poida repetirse o ano que ven. A organización correu a cargo dunha empresa da comarca, Xeira, mentres que a financiación estivo a cargo da Deputación da Coruña.

31 de xullo de 2013 | 18:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.