O venres rematará o prazo de inscrición na quenda de agosto da Aldea de Verán de San Sadurniño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalSan Sadurniño
A-
A+

Desde primeiros de mes está aberto o prazo para formalizar a preinscrición no programa de conciliación Aldea de Verán 2013 correspondente ao mes de agosto. Aquelas familias que aínda non apuntasen os seus nenos e nenas teñen ata o venres 19 para facelo. Só as empadroadas no concello poderán realizar o pagamento ao tempo que a inscrición.

A Aldea de Verán 2013 é un programa organizado polo Concello para facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, ofrecendo ao mesmo tempo un espazo socioeducativo para todos os nenos e as nenas participantes con idades de entre 3 e 12 anos. Conta con financiamento da Secretaría Xeral de Igualdade e do Fondo Social Europeo e desenvólvese durante os meses de xullo e agosto con dúas opcións de entrada: de 8 a 14 e de 10 a 14 horas de luns a venres. 

A base da aldea está situada no contorno do CPI. Porén os cativos realizan actividades noutros lugares, como a piscina, a casa da Cultura, a aula CeMIT -onde contribuíron á web Falamedesansadurnino.org- ou os xardíns do pazo da marquesa. Ademais, as monitoras organízanlles actividades paralelas. Así durante estes dous meses participan na campaña de recollida de tapóns solidarios “Alba, a promesa” promovida por AS.PA.NE.MI.(Asoacións de Pais e Nais e Nenos/as con Minusvalía). Este luns recibiron a visita dunha das responsables da entidade para explicarlles en que consiste a campaña e para conciencialos sobre os valores solidarios.

Esta non é a única proposta, xa que o venres marcharán á Coruña na primeira excursión lúdica e educativa do verán para visitar o MUNCYT, o Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía. Alí mostraranlles os contidos de todas as salas e participarán nas actividades e pequenos obradoiros científicos que lles teñen preparados.

A Aldea de Verán de San Sadurniño ofrece 40 prazas que se cubriron case de inmediato para este mes de xullo. De cara a agosto volven ofertarse o mesmo número de prazas que, nunha porcentaxe importante, xa está ocupadas por nenos e nenas de familias do concello que fixeron as inscricións para dous meses completos.

15 de xullo de 2013 | 13:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.