O sendeiro litoral do Ecosistema Dunas Praia América-Panxón recibe o galardón Sendero Azul de ADEAC

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaNigrán
A-
A+
Sendeiro galardoado

Sendeiro galardoado

Nigrán suma un novo distintivo de calidade ambiental co galardón Sendeiro Azul, outorgado por ADEAC ao sendeiro litoral Ecosistema Dunas de Praia América-Panxón. Este recoñecemento, así como as tres bandeiras azuis de Patos, Area Fofa e Praia América, ratifican o compromiso do goberno municipal co respecto e a preservación do medio e os recursos naturais de Nigrán.

Esta iniciativa, que conta coa colaboración da Fundación Biodiversidade, do Ministerio Agricultura, Alimentación e Medio, ten como principal obxectivo promover o desenvolvemento sostible das zonas litorais mediante o cumprimento duns criterios de calidade que garantan a preservación e mellora das condicións ambientais existentes, a seguridade e facilidade de uso para os visitantes, e unha xestión integrada e coherente dos valores naturais, históricos, culturais e etnográficos que configuran o patrimonio litoral.

Os Sendeiros Azuis son itinerarios e elementos paisaxísticos que enlazan praias e portos con bandeira azul, e contribúen positivamente ao uso sostible do litoral, recoñecendo mediante este distintivo o traballo realizado na mellora e restauración do patrimonio natural e etnolóxico do litoral. “Ademais, os sendeiros azuis desempeñan unha función social moi importante, ao constituír excelentes lugares para o desfrute da natureza, e tamén como elementos vertebradores para o desenvolvemento, saúde e benestar do conxunto da sociedade”, sinala o rexedor municipal, Alberto Valverde.

O obxectivo de AEDAC neste ano é consolidar unha Rede de Sendeiros Azuis en todo o litoral español, que permita e promova o intercambio de coñecementos e boas prácticas en relación co patrimonio natural dos ecosistemas do litoral, “de forma tal que este galardón sexa considerado e recoñecido ao mesmo nivel que a Bandeira Azul”, engade Valverde.

Outras iniciativas

A obtención deste galardón súmase a outras iniciativas de carácter ambiental adoptadas por este goberno, como a recente presentación do proxecto LIFE+, que ten como obxectivo recuperar o ámbito da canle do Río Miñor e a realización dunha senda verde que conecte Nigrán con Gondomar.

18 de xullo de 2013 | 17:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.