O Rallye La Baule-Galicia con embarcacións francesas clásicas e de época arribará na praia marinense de Aguete en agosto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaLocalLocal PortadaMarín
A-
A+

No salón de plenos do Concello de Marín, presentouse esta mañá a próxima chegada ao porto de Aguete dos participantes no Rallye La Baule-Galicia (12 iates, algúns deles de gran porte e belos). A navegación en modo rallye realizarana saíndo do porto de La Baule o día 16 de Agosto e farán a travesía ata a ría de Pontevedra navegando en grupo, usando vela e motor da forma máis conveniente.

Ao acto de presentación, presidido pola Alcaldesa de Marín, Dña. María Ramallo, asistiron tamén o presidente de Agabace e Real Club de Mar de Aguete, D. Guillermo Gefaell Chamochín; Dña. Begoña Estévez, Deputada provincial de Deportes; Dña. Ruth González Reyes, Xefa do Servizo de Turismo Rías Baixas; o Ctee. D. José Luis Guitart González de la Ballina por parte da Escola Naval Militar de Marín; o presidente da Asociación “Cristóbal Colón Gallego”, D. Eduardo Meruéndano; Vice-Presidente da Federación Galega de Vela, D. Francisco Crusat entre outras distintas autoridades.

Prevese que a frota de Clásicos franceses chegue á boca Norte da Ría de Pontevedra na madrugada do martes día 20 de Agosto. Alí sairán a recibilos ás 10 da mañá varias embarcacións clásicas da zona, que lles acompañarán ata o porto base que será o Real Club de Mar de Aguete.
Unha vez amarrados nos peiraos de Aguete, poderán ser visitados libremente polo público que o desexe.

Ás 13:30 horas, no Real Club de Mar de Aguete serán recibidos oficialmente, dándolles a benvida por parte da Alcaldesa de Marín, o Presidente da Asociación Galega de barcos Clásicos e de Época e a Directiva do Real Club de Mar de Aguete.

Ás 20:00 terán no club un briefing explicativo do percorrido e a navegación do día seguinte pola Ría de Pontevedra. Entregaranse aos patróns e tripulacións participantes unhas carpetas coas instrucións, ademais duns obsequios conmemorativos.

E a partir das 21:30 h., actuación da Agrupación Folclórica “CELME” de Pontevedra e Cea-buffet no Club, a base de pratos típicos galegos.
Ao día seguinte, mércores 21 de Agosto, os barcos franceses e españois concentraranse fronte ao club para partir sobre as 11:30 h. e realizar a 1ª Travesía Coloniana de la Ría de Pontevedra. A frota percorrerá un circuíto balizado fronte a accidentes xeográficos da Ría de Pontevedra cuxos nomes utilizou o Almirante Cristóbal Colón para a toponimia das costas América e o Caribe.

Pola tarde, a partir das 20:00 h., as tripulacións terán unha visita guiada á zona antiga de Pontevedra e á Basílica de Santa María, rematada de construír no Século XVI integramente con achegas do Gremio de Mareantes da cidade. E ás 21:30 h Recepción no Pazo de Mugartegui, sede do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas.

Xa o xoves 22 de agosto, as tripulacións serán levadas ata Santiago. A visita a Santiago de Compostela entenderase no marco dunha peregrinación marítima dende La Baule e implicará o outorgamento do Diploma da Traslatio ( ) a todos os barcos asistentes.

E a partir do venres 23 de Agosto, a flotilla trasladarase ata o Porto de Pedras Negras para tomar parte na regata Illas Atlánticas.

Esta visita dos iates franceses dun dos portos máis prestixiosos do mundo como é La Rochelle, é froito de intensas negociacións dende hai case dous anos entre a Asociación Galega de Barcos Clásicos e de Época, o Real Club de Mar de Aguete e o Club Náutico de San Vicente, en pro do fomento do turismo de calidade nesta zona a través dunha actividade náutica atractiva e en auxe nos últimos tempos en selectivas zonas da xeografía mundial.

24 de xullo de 2013 | 17:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.