O punto limpo de Veigadaña, xestionado por Coregal e Aceesca, empeza a funcionar mañá

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalMos
A-
A+
Sinatura do convenio

Sinatura do convenio

Mañá entra en funcionamento o punto limpo instalado no Parque Empresarial Mos-Veigadaña, que será xestionado conxuntamente entre Coregal, empresa de reciclaxe pertencente a Cogami, e Aceesca Emprego.

Para formalizar este acordo de xestión, reuníronse esta mañá no Concello de Mos representantes das tres entidades implicadas, Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos, Ramón Sestayo en representación de Coregal e Mª Luz Fernández Grandal en representación de Aceesca, para asinar o convenio de colaboración polo cal estas dúas asociacións de persoas con discapacidade xestionarán o punto limpo mosense favorecendo así, deste xeito, a inserción laboral dos discapacitados, así coma a súa integración social e a súa realización persoal.

No punto limpo do polígono da Veigadaña que mañá comezará a prestar servizo, Coregal encargarase da xestión e reciclaxe de residuos mentres que serán traballadores de Aceesca Emprego os que se encarguen dos labores internos das propias instalacións.

Sobre o convenio hoxe asinado a alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, declarou sentirse “satisfeita e moi contenta ó formalizar un acordo que é dobremente positivo para Mos, a nivel social e medioambiental, por un lado porque contribuirá a ter un Mos mellor e máis limpo e por outa banda porque estas instalacións que benefician ó medio ambiente darán emprego a persoas con discapacidade que necesitan e merecen enormemente poder desenvolverse laboralmente nun posto de traballo que os faga sentir realizados”.

Como xa se dixo, o punto limpo de Veigadaña inicia mañá a súa actividade e, a partir deste momento, contará cun horario de apertura ó público de 10.00 horas a 14.00 horas e de 16.30 horas a 20.30 horas todos os martes e xoves, e os sábados de 10.00 horas a 14.00 horas.

Os usuarios deste punto limpo poderán depositar nel residuos non perigosos que van dende o papel e cartón ata metais, mobiliario, escombro e restos de podas; e residuos especiais como aceites, filtros, baterías, equipos eléctricos e electrónicos, electrodomésticos, pinturas, vernices, etc.

Este servizo, gratuíto para tódolos empadroados no Concello de Mos, favorecerá o óptimo mantemento e conservación do medio ambiente do municipio, por eso dende a concellería de Medio Ambiente, que dirixe a edil Julia Loureiro, rógase a todos os veciños e veciñas que fagan uso del e se conciencien da necesidade de verquer nestas novas instalacións os residuos non ordinarios para lograr manter un Mos limpo e mellor.

O novo punto limpo conta cunha superficie aproximada de 2.315 metros cadrados. O punto limpo do polígono da Veigadaña fora licitado pola consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas en maio de 2012 e supuxo unha inversión por parte da administración autonómica de 267.000 euros. Para a construcción deste punto limpo o Executivo autonómico achegou o 100% do total do investimento. A construción deste punto limpo suporá unha importante mellora medioambiental no que a xestión de residuos se refire, que beneficiará tanto ó municipio de Mos coma á súa área de influencia.

1 de xullo de 2013 | 17:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.