O proxecto do Parrote estase a desenvolver a “bo ritmo”, coa metade da execución xa realizada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+

O tenente de alcalde de Medio, Territorio e Infraestruturas, Martín Fernández Prado, e o presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Enrique Losada, visitaron esta mañá a zona do Parrote para supervisar o avance das obras. O responsable municipal destacou que o proxecto se executa a “bo ritmo”, polo que a previsión é rematar os traballos en 2014, dentro dos prazos fixados.

“É moi positivo para a cidade ver que as obras se están a realizar a bo ritmo, cun nivel de execución do 50%, sobre todo porque se trata do 50% do proxecto máis difícil dende o punto de vista técnico”, explicou Fernández Prado durante a visita e despois de manter unha “nova reunión de coordinación e seguimento” coa Autoridade Portuaria. Neste sentido, o tenente de alcalde agradeceu a predisposición da entidade que preside Enrique Losada e da Xunta, a través da Dirección Xeral de Patrimonio, para avanzar na execución das obras do Parrote e na tramitación do proxecto do túnel de La Marina, cuxa licitación está prevista, por parte da Autoridade Portuaria, para o próximo mes de setembro.

Fernández Prado destacou que o cambio de goberno en María Pita permitiu desbloquear proxectos que se encontraban paralizados dende hai anos. Á reurbanización de 52.000 metros cadrados no Parrote e La Marina, o concelleiro de Infraestructuras puxo como exemplos a recuperación da Fábrica de Tabacos para usos xudiciais, o polideportivo do Castrillón e a construción do aparcadoiro -ademais da reforma do espazo público que quedará en superficie- na praza Das conchiñas.

O presidente da Autoridade Portuaria, Enrique Losada, tamén gabou o clima de diálogo e colaboración institucional, ao tempo que explicou que se mantén marzo de 2014 como data de finalización da obra do Parrote. En agosto, concluirase a execución do muro pantalla que delimita o recinto, dende Porta Real ata a saída do túnel na zona de San Antón. Enrique Losada recordou que o aparcadoiro do Parrote terá capacidade para 610 vehículos e o vial subterráneo alcanzará os 470 metros de lonxitude. Na actualidade, traballan na obra un total de 90 operarios.

18 de xullo de 2013 | 18:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.