O proxecto colaborativo en internet “Fálame de San Sadurniño” impulsado pola aula CeMIT bota a andar

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalSan Sadurniño
A-
A+
Usuario de "Fálame de San Sadurniño"

Usuario de “Fálame de San Sadurniño”

A aula da Rede CeMIT e varios dos seus alumnos e alumnas traballaron duro nos dous últimos meses para poñer a punto a web e mailos contidos de Fálame de San Sadurniño, un novo sitio en internet pensado para compartir contidos e vivencias de todo tipo. Fotografías, audios, vídeos, documentos… todo ten cabida na web, aínda que dun xeito ordenado por categorías temáticas. Porén, o máis importante do sitio é que se trata dun proxecto colaborativo feito desde San Sadurniño que se quere facer medrar coas contribucións da xente.

Fálame de San Sadurniño é o resultado dunha convocatoria lanzada desde a Rede CeMIT para conmemorar o 17 de maio, día das Letras Galegas e tamén da Internet. A idea era conxugar nun proxecto a defensa da lingua e da cultura xunto co uso das tecnoloxías da información e do coñecemento. Deste xeito púxose en marcha un obradoiro colaborativo no que as persoas participantes aprenderon a dixitalizar e xeolocalizar fotografías ás que, posteriormente, lles engadiron unha pequena descrición sonora.

Inicialmente participaron no traballo un total de 11 alumnos e alumnas da aula CeMIT. Todos de distintas idades e tamén todos con distintos coñecementos. A maioría nunca gravaran sonido nin editaran unha imaxe, algo que non foi impedimento para trasladar á rede as súas experiencias e recordos. Deste xeito, simples fotos faladas cobran un novo valor e “danlle sentido colectivo a vivencias individuais que semellan desconectadas”, tal e como sinala a propia web falamedesansadurnino.org.

O proxecto non só pretende reflectir os tempos pasados de San Sadurniño, senón tamén o seu presente a través de imaxes, sons, vídeos ou documentos que nos falen do concello na actualidade, para convertérense nun espazo vivo e integral da memoria “que sostén o devalar das xentes e terras de San Sadurniño”.

As contribucións á web -e incluso os seus apartados- continuarán avanzando en cursos sucesivos da Rede CeMIT, aínda que está aberta á participación de calquera persoa que teña algo que contar sobre San Sadurniño. Por iso, fóra das actividades formativas da aula, calquera persoa pode colaborar achegando as súas fotos e a súa fala, ou enviando documentos, sons ou vídeos da súa creación ao enderezo falamedesansadurnino@gmail.com.

Con todo, antes de enviar nada é mellor dar unha volta por Fálame de San Sadurniño, ver todo o que alí hai e ver de que maneira podemos colaborar coas nosas cousas nun proxecto vivo “que nos pertence a todos”.

12 de xullo de 2013 | 20:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.