O programa municipal Ourense Inserta achegou formación a máis de 110 desempregados nos sectores de dependencia, medio ambiente e hostalaría
O concelleiro de Promoción Económica e Emprego, José Ángel Vázquez Barquero entregou esta mañá os diplomas aos 55 alumnos que remataron tres novos cursos formativos organizados polo Concello dentro do programa Ourense Inserta. Son, concretamente os cursos de Operacións básicas de cociña (15 prazas, 375 horas), Operacións básicas de restaurante e bar (15 prazas e 315 horas) (ambos cursos con certificado de profesionalidade) e preparación das probas de competencias clave do Nivel 2 (25 prazas, 300 horas).
Ourense Inserta é un proxecto de inserción sociolaboral, que desenvolve a Concellería de Emprego do Concello de Ourense, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, por medio do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas. Conta cun orzamento de 1.387.000 euros, dos que o Concello achega 277.500.
O obxectivo prioritario é articular un sistema de integración sociolaboral que permita favorecer o acceso a un posto de traballo daquelas persoas pertencentes aos colectivos máis vulnerables e con maiores dificultades de inserción laboral a través de procesos de formación especializada en tres ámbitos: dependencia, medio natural e hostalaría. Os cursos inclúen a realización de prácticas en empresas do sector, ademáis do apoio do persoal do proxecto en tutorías individuais para mellorar a súa empregabilidade.
Ata hoxe beneficiáronse do proxecto 145 persoas, maioritariamente mulleres con cargas familiares, desempregados de longa duración que non contaban con ningunha prestación económica. Destas, 114 remataron algún dos itinerarios formativos organizados.
Cursos en marcha con prácticas laborais
Na actualidade, 55 alumnos participan en 3 deles, os adicados a Coidador de discapacitados físicos e psíquicos, Atención especializada para enfermos de alzheimer e Limpeza de superficies e mobiliario en edificios e locais. Os alumnos dos dous primeiros cursos xa están realizando o período de prácticas en entidades especializadas, e os de limpeza comezarán esta semana.
As accións formativas do programa “Ourense Inserta” continuarán en setembro, cando comecen 4 novos cursos, todos eles con certificado de profesionalidade, que se prolongarán ata o ano que ven:
– Atención sociosanitaria a persoas en domicilio (625 horas)
– Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións Sociais (475 horas)
– Instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes (495 horas totais)
– Xestión de residuos urbanos e industriais (415 horas)











