O programa do Verán Cultural 2013 contará con música, maxia, monicreques, danza, cine, libros e exposicións

Presentación da programación cultural
Unha decena de citas de calidade para todos os públicos e con variedade de estilos e formatos compoñen o programa do Verán Cultural 2013, que volve un ano máis cando chegan os primeiros calores cunha ampla cantidade de ofertas musicais, pero tamén con propostas de maxia, monicreques, danza, cine, teatro, literatura ou exposicións. A Concelleira de Cultura, Mar Eirís, subliña que o seu departamento mantén a vontade de ofrecer un programa “de calidade” repartido en quince xornadas durante as fins de semana do verán “a pesar dos axustes económicos”. As citas, todas gratuítas excepto os festivais musicais, desenvólvense entre o venres 4 de xullo e o venres 30 de agosto, agás as Noites de Cine, que ofrecen un total de 16 sesións na capital municipal e nas parroquias todos es martes, mércores e xoves entre o 11 de xullo e o 22 de agosto. O Alcalde, Evencio Ferrero, sinalou a importancia de contar cun “programa cultural estable” que atraia á xente a Carballo e desexou que o tempo acompañe, xa que redundará no éxito das convocatorias. O Concello quere agradecer a colaboración dos patrocinadores como son Conservas Calvo e La Caixa, ou a colaboración da Deputación da Coruña.











